O PP urxe a reparación das cubertas do Municipal e os Multiusos para acabar coas pingueiras

Poio
02 de novembro 2022

O concelleiro Guille Juncal denuncia que estas filtracións de auga obrigaron a paralizar algunhas actividades deportivas

Pavillón multiusos PontevedraViva

O concelleiro do Partido Popular de Pontevedra e responsable da área de Deportes, Guille Juncal, urxiu ao Concello a reparar as cubertas de dúas instalacións municipais, o Pavillón Municipal dos Deportes e o Pavillón Multiusos da Xunqueira, que sofren filtracións de auga que afectan ao normal desenvolvemento da súa actividade.

“Observamos pingueiras que non son aceptables nun edificio municipal e desde a Concellería de Deportes débese actuar inmediatamente”, dixo o popular.

Estes problemas, acentuados nas últimas semanas polas fortes choivas, están a paralizar actividades deportivas e, mesmo, algún partido oficial. Desde algunha entidade deportiva xa se avisou á concellería competente destes problemas. 

“Estamos en Galicia e, como é obvio, debemos contar con que o habitual nesta época do ano é que chova. Non podemos compartir de ningunha maneira que a actividade deportiva de moitos clubs da cidade véxase paralizada por que chova en Pontevedra”, argumentou Juncal. 

Os adestramentos de varios clubs foron paralizados, pero tamén o material que utilizan viuse afectado.

“Cremos moi urxente que o Concello tome medidas e nos dea unha solución a esta problemática. Non podemos estar a expensas de que chova en Galicia para que se desenvolva a actividade deportiva da cidade de maneira adecuada e normal”, rematou o popular