O prazo para solicitar mesas na Festa Corsaria de Marín conclúe o 15 de agosto

Marín
12 de agosto 2022

Os particulares ou hostaleiros que desexen montar as súas propias terrazas deben realizar unha solicitude de forma telemática a través da web do Concello  

A alcaldesa María Ramallo e a concelleira Marián Sanmartín visitan a Alameda, que será epicentro da Festa Corsaria de Marín
A alcaldesa María Ramallo e a concelleira Marián Sanmartín visitan a Alameda, que será epicentro da Festa Corsaria de Marín / Concello de Marín

A Festa Corsaria de Marín quenta motores e os interesados en participar teñen ata o 15 de agosto poderá presentar de maneira telemática as peticións de particulares ou hostaleiros para montar ou ampliar as súas mesas.

A falta dunha semana para a Festa, desde o Concello manexan un volume de peticións similar ao da última edición, que tivo lugar no 2019. As zonas do Parque Eguren e Lameira, Fondo do Saco e rúas Real e Sol son as máis demandadas para a instalación de mesas, aínda que no goberno local seguen traballando para ampliar a celebración a todos os recunchos da vila. 

A programación do evento recolle unha gran variedade de actividades tanto para a tarde do venres 19 de agosto como para toda a xornada do sábado 20. Actividades como o mercado medieval na Alameda, atraccións infantís de época tanto na Alameda como no Parque Eguren, talleres infantís na rúa do Sol, acompañados da animación de charangas, batucadas e outras agrupacións de rúa, aderezarán as xornadas.

Tampouco faltará a tradicional cetrería, esgrima, tiro con arco ou os postos de oficios tradicionais. A Praza de España terá o sábado carrozas de cabalos, mentres que as bases mariñas co barco inglés e o barco corsario estarán situados na rúa Estrada e en Augusto Miranda, aínda que ao longo do día desfilarán polas rúas máis céntricas.

Para pechar a festa está programado un espectáculo final na Praza de España a medianoite, que culminará cun destival de picadiscos.