O primeiro mercado do Nadal de Caldas abrirá as súas portas ente o 22 e o 25 de decembro

Umia
26 de outubro 2022

A iniciativa da Asociación de Hostalería do municipio é unha aposta de futuro e ten como obxectivo atraer visitantes e dinamizar o consumo durante estas datas

Decoración de Nadal en Caldas
Decoración de Nadal en Caldas /

Caldas disporá este ano, por primeira vez, dun mercado de Nadal no centro histórico entre os días 22 e 25 de decembro. Trátase dunha iniciativa da Asociación de Hostalería de Caldas que conta co apoio do Concello para celebrar estas festas e atraer visitantes.

Durante eses catro días reuniranse no centro histórico numerosos postos de diferentes establecementos, tanto da hostalería como do comercio e de artesanía, nos que a xente vai poder gozar de diferentes produtos e realizar as compras de Nadal en Caldas, nun ambiente festivo cheo de actividades, música, luces e cores. 

O alcalde Juan Manuel Rey destaca que “este mercado conta cun elevado potencial e sitúase como unha aposta de futuro na dinamización comercial e turística da vila, polo que lles damos os nosos parabéns á Asociación de Hostalería por esta iniciativa e animamos a todas as persoas interesadas a participar activamente nesta proposta”. 

Para reservar un espazo neste Mercado de Nadal, ou colaborar con algunha actividade, as persoas interesadas poden contactar coa Asociación de Hostalería de Caldas e co seu presidente, Miguel Piñeiro.