O Príncipe Felipe terá 210 nenos en acollida

Pontevedra
23 de agosto 2015

O Príncipe Felipe acaba de resolver as solicitudes de admisión relativas aos rapaces de ata 18 anos que utilizarán o servizo dos centros de acollida durante o vindeiro curso 2015-2016 tanto en réxime interno como a modo de centro de día

Centro Príncipe Felipe Cristina Saiz - Arquivo

O Príncipe Felipe acaba de resolver as solicitudes de admisión relativas aos rapaces de ata 18 anos que utilizarán o servizo dos centros de acollida durante o vindeiro curso 2015-2016. Os beneficiarios serán 210 rapaces con problemas familiares ou en risco de exclusión social que usarán as instalacións tanto en réxime interno como a modo de centro de día

Segundo informou a Deputación Provincial, no caso do internado, a comisión de avaliación de Príncipe Felipe reunise nos últimos días para estudar de xeito individualizado as solicitudes. No caso do centro de día, a lista xa está pechada dende o mes de xuño e agora comezarase o proceso de apertura dos expedientes para iniciar o curso a pleno rendemento. 

O Príncipe Felipe, o maior de Galicia na súa categoría,  acolle nenos que carecen dun ambiente familiar axeitado, en risco de exclusión ou con algún tipo de dificultades co fin de proporcionarlle unha nova situación vital que lles permita adquirir un desenvolvemento integral. Parte deles chegan por indicación dos profesionais dos Servizos Sociais da Deputación e outra parte a través de ordes da Xunta de Galicia.

Ademais de estar nas casas de acollida, estes 210 nenos escolarizaranse nos centros educativos da cidade para recibir formación que vai dende Infantil e Primaria ata Secundaria, Bacharelato ou FP. Dende o Príncipe Felipe organízase unha ruta de transporte para levar e recoller aos menores dos seus respectivos colexios.