O proxecto Ágora da Deputación preséntase na Xornada sobre a Nova Bauhaus Europea

Pontevedra
03 de xullo 2021

O deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez explicou o proxecto Ágora da Deputación de Pontevedra, defendendo a recuperación do espazo público para as persoas como un dereito ao mesmo nivel que a sanidade e a educación

O deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez explica o proxecto Ágora na Xornada da Nova Bauhaus
O deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez explica o proxecto Ágora na Xornada da Nova Bauhaus / Deputación de Pontevedra

O deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez participaba este venres en Madrid na Xornada sobre a Nova Bauhaus, organizada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Ademais do ministro José Luis Ábalos, a este encontro asistiron representantes do Parlamento e a Comisión Europea, que cualificou a Ágora como "iniciativa aliñada".

O deputado nacionalista explicou o proxecto Ágora da Deputación de Pontevedra, defendendo a recuperación do espazo público para as persoas como un dereito ao mesmo nivel que a sanidade e a educación.

Falou sobre a evolución histórica das cidades e como a educación á que está sometida a cidadanía fixo que se asumisen roles centrados na hexemonía do vehículo.

Neste sentido, reflexionou sobre se as cidades son seguras e axeitadas para a vida humana e enumerou varios proxectos de mellora urbana realizados na provincia de Pontevedra.

Benítez tamén instou, de modo xeral, a aproveitar o proxecto da Nova Bauhaus Europea para aplicar políticas que poñen no centro do foco o tratamento do espazo público e non tanto a arquitectura de construcións singulares. Destacou que se trata dunha grande oportunidade para que rexurda o sentimento de convivencia na Unión Europea.