O proxecto de mellora da PO-308 será presentado "nas próximas datas"

Poio
21 de marzo 2022

A mellora da PO-308 ao seu paso polo núcleo de San Salvador, nas zonas de A Barca, Andurique e Porteliña xa ten proxecto de mellora. O documento, segundo Gregorio Agís, será presentado de xeito publico "nas próximas datas" despois de "varias as ocasións nas que desde o Concello solicitamos reunirnos coa Xunta para abordar este tema e presentar a proposta, sen acadar ningunha resposta por parte da Consellería"

O concelleiro de Urbanismo de Poio, Gregorio Agís, en Liñares
O concelleiro de Urbanismo de Poio, Gregorio Agís, en Liñares / Concello de Poio

A mellora da PO-308 ao seu paso polo núcleo de San Salvador, nas zonas de A Barca, Andurique e Porteliña xa ten proxecto de mellora.

Así o adiantou Gregorio Agís, voceiro do PSOE de Poio e responsable de Urbanismo e Promoción Económica, que lembrou que o seu departamento xa ten redactado un anteproxecto de mellora da carretera.

O representante dos socialistas de Poio destacou que o documento será presentado de xeito publico "nas próximas datas" despois de "varias as ocasións nas que desde o Concello solicitamos reunirnos coa Xunta para abordar este tema e presentar a proposta, sen acadar ningunha resposta por parte da Consellería".

Destaca, ademais, que desde o PSOE "creemos que é o momento de abordar a mellora deste entorno tan degradado e que necesita actuacións urxentes de mellora da seguridade tanto peonil como do trafico rodado".

Por iso Agís quere "buscar un acordo para a firma dun convenio que permita abordar a obra" e destaca "a necesidade de que San Salvador reciba o mesmo trato na mellora da PO-308 que o que recibiron os núcleos de Sanxenxo e Portonovo".

Neste caso, sinala, "os investimentos ascenden a máis de catro millóns de euros, sen contar os orzamentos destinados a outros tramos como o de Canelas ou A Lanzada. O Concello está disposto a asumir parte do coste, nas mesmas condicións coas que firmou Sanxenxo, pero a Xunta, como titular da carretera, ten que abordar con seriedade a mellora dunha estrada con tantos problemas", explicou.

Finalmente, o socialista destacou a necesidade de "abordar medidas urxentes que minimicen o impacto do tráfico sobre a seguridade sen necesidade de esperar o proxecto para evitar novos incidentes".