Aos colectivos ciclistas Pedaladas e Masa Crítica parécelles unha "boa nova" a presentación do proxecto do paseo ciclista e peonil entre Pontevedra e Marín pero consideran que "a elección construtiva non é a máis eficiente tanto en custo económico como en afectación ao medio".
Refírense á solución elixida para o segundo tramo que é unha pasarela de aluminio sobre pilotes no leito da ría e só faise para manter os dous carrís sentido Pontevedra Marín cunha lonxitude de 800 metros, "o cal eleva de forma innecesaria o custo do proxecto fronte a alternativa de usar un dos carrís para facer o paseo ciclista e peonil".
Aínda así a asociación anuncia que non vai alegar en contra do proxecto construtivo presentado, "xa que entendemos que a nosa solución de reducir un carril de circulación non tería amplo apoio social aparte de atrasar o proxecto construtivo".
A asociación Pedaladas porase en contacto cos Concellos de Pontevedra e Marín para que completen o percorrido.
Nas reunións co concelleiro de Deportes de Marín, Antonio Traba, anuncioulles a intención de usar fondos europeos para mellorar a mobilidade ciclista na Avenida de Ourense ata Estribela. Polo tanto, entenden que sen o tramo de Estribela a Praceres, "estaríase perdendo a oportunidade de completar o percorrido".
O tramo pendente de execución sería de 1.200 metros, "que poderíase resolver con medidas de calmado de tráfico, mellora de seguranza nos cruces e pasos ciclistas na PO-546 e PO-11 onde hai moita sección de viaria polo que non afectaría ao tráfico motorizado. É con diferencia o tramo menos custoso do percorrido ciclista e peonil", conclúen.