As inesperadas trabas que puxo o Ministerio de Fomento ao proxecto presentado por Costas para o paseo peonil e ciclista a Marín obrigaron ao Concello de Pontevedra a expor unha solución alternativa para que esta actuación non se paralice.
O goberno municipal solicitará ao Estado a transferencia da titularidade da PO-12, entre a rotonda de Malvar e o inicio dos novos carrís de acceso ao nó de Mollabao, para posteriormente poder cederlla a Medio Ambiente para que este execute o paseo, tal e como estaba previsto.
Costas recolle no seu proxecto suprimir un dos carrís de circulación da avenida de Marín, o máis próximo ao mar en dirección saída da cidade, para habilitar o paseo. A partir deste punto, o paseo continuará polos terreos anexos ao mar da antiga estrada ata conectar coa actual pasarela das mariscadoras nos Praceres.
No trámite de exposición pública, segundo explicou César Mosquera, Fomento presentou unha alegación contra o proxecto, explicando que segundo a súa normativa interna non pode autorizar a creación dese paseo peonil nun dos carrís da avenida.
Tras as conversacións mantidas entre o ministerio e o Concello, acordouse que este solicite a transferencia desa parte da avenida.
Mosquera explicou que esta solución foi unha iniciativa do Concello "porque nós somos os primeiros interesados en que o paseo saia adiante".