O proxecto Green Campus define a súa folla de ruta para este curso

Pontevedra
10 de outubro 2018

O plan de acción reúne preto de 60 medidas "accesibles" dirixidas a fomentar a optimización do consumo enerxético, o correcto tratamento dos biorresiduos, a mellora da mobilidade e accesibilidade ou a promoción dun consumo responsable entre a comunidade universitaria

O comité ambiental do proxecto Green Campus aprobou o plan de acción para o presente curso
O comité ambiental do proxecto Green Campus aprobou o plan de acción para o presente curso / Universidade de Vigo

O proxecto Green Campus impulsado desde o campus pontevedrés definiu este mércores a súa folla de ruta para a presente curso, coa aprobación por parte do seu comité ambiental dun plan de acción que reúne preto de 60 medidas "accesibles" dirixidas a fomentar a optimización do consumo enerxético, o correcto tratamento dos biorresiduos, a mellora da mobilidade e accesibilidade ou a promoción dun consumo responsable entre a comunidade universitaria.

Representantes das diferentes facultades, escolas e servizos da universidade, así como de diferentes colectivos, participaron na xuntanza celebrada na Vicerreitoría do campus, que contou tamén coa participación de Ana Pérez, responsable de Green Campus na Adeac, a asociación que se encarga de xestionar en España este programa internacional.

O vicerreitor, Jorge Soto, avogou por integrar a diferentes colectivos e á cidadanía "nun proceso que vai ir a máis e no que, a medio e longo prazo, Pontevedra vai ser un referente a nivel nacional".

Con ese propósito, no presente curso súmanse a este comité ambiental, do que xa formaban parte colectivos como Vaipolorío ou a asociación Amizade, a Sociedade Galega de Historia Natural e o Círculo Mercantil, así como a Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito á universidade.

O propósito, engadiu Carlos Souto, director do Green Campus e Campus Crea, "é non só seguir adiante co proxecto senón impulsalo, reforzalo e facer todo o posible por impulsalo porque nos parece fundamental e que ten un beneficio sobre o campus e tamén sobre a sociedade".