Investigadores da Universidade, institucións e empresas conflúen no Campus Crea

Pontevedra
25 de outubro 2019

O evento desenvolveuse na Casa das Campás, a Vicerreitoría do campus, con catro mesas centradas nas áreas do proxecto de especialización

Souto, Goicoechea, Pérez e Soto, na inauguración do Encontro Universidade-Empresa
Souto, Goicoechea, Pérez e Soto, na inauguración do Encontro Universidade-Empresa / DUVI

30 investigadores e representantes de 15 institucións e de empresas participaron nun encontro este venres na Casa das Campás, a Vicerreitoría do campus, con catro mesas sobre o proxecto de especialización do campus: saúde e deporte, medio ambiente, arte, moda e comunicación, e educación e xestión pública.

O Concello de Pontevedra, os clústeres de alimentación e saúde de Galicia, a Fundación Deporte Galego, empresas como Pescamar e Revertia ou o Grupo de Acción Costeira Ría de Pontevedra participaban desta iniciativa que busca establecer unha relación entre investigadores e o tecido empresarial e social.

O encontro desenvolveuse baixo o título de 'Innovar desde a sustentabilidade no Campus Crea', promovido pola Vicerreitoría de Transferencia en coalición coa Vicerreitoría do campus.

A proposta centrouse en poñer a disposición da sociedade e do sector empresarial aqueles coñecementos que se poidan xerar desde as investigacións que se realizan desde a Universidade, segundo relataba a vicerreitora María Consuelo Pérez ao DUVI.

Jorge Soto, vicerreitor do campus pontevedrés, afirmaba que entre a comunidade universitaria hai moitas ganas de que o campus saia das aulas. Durante esta cita profundizouse nas diferentes vías de colaboración entre a universidade e as empresas, como proxectos e contratos de I+D, licenzas ou acordos de transferencia tecnolóxica coa intención de que se executen proxectos concretos.

Entre os asistentes, atopábanse o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda.