Rafael Louzán, ex presidente da Deputación, exerce agora como asesor do grupo popular do mesmo xeito que o seu ex xefe de gabinete, Luís Serantes. Ambos reciben un salario de 43.935 euros anuais sen pasar pola institución provincial. Así o denuncia o portavoz do grupo socialista, Santos Héctor, que lamenta a actitude que manteñen desde as filas do Partido Popular polas súas últimas críticas cara ao goberno provincial e á presidenta, Carmela Silva.
Santos Héctor apunta que mentres no últimos oito anos, a oposición non contaba con dedicacións exclusivas; agora, o PP conta con catro salarios para os seus deputados. Luís Aragunde cobra un salario de 60.416 euros anuais, a mesma cantidade que José Manuel Figueroa. Anxo Moldes e José Enrique Sotelo reciben 30.208 euros anuais por estas dedicacións.
Con estas cifras, o portavoz do PSOE sae ao paso das críticas realizadas polo presidente provincial do Partido Popular e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a quen considera "o mamporreiro político de Feijóo".
Entende que os ataques do PP á presidenta da Deputación tanto a través de Rueda como no último pleno municipal de Pontevedra responden a que os populares entraron en pánico ante as próximas eleccións e que pretenden levar a cabo unha campaña de desprestixio dos representantes do PSOE.
O portavoz socialista afirma que a Deputación está a realizar proxectos que contan co aplauso dos alcaldes e por este motivo, Santos Héctor, convidou a Alfonso Rueda a visitar o hospital Montecelo para explicarlles aos pacientes por que está paralizada a ampliación ou que percorra os colexios e centros de saúde para que explique se a Xunta vai investir diñeiro para arranxalos.