O PSOE asegura que a Deputación vai recortar o próximo ano un 21,1% os recursos directos aos concellos

Pontevedra
19 de outubro 2023

Os deputados Digna Rivas e Carlos Font compareceron este xoves en rolda de prensa para expresar a súa reacción ante a "performance" ou o "mitin" que, ao seu xuízo, foi a presentación aos alcaldes do Plan + Provincia por parte do presidente da Deputación, Luis López  

Os deputados do PSOE, Digna Rivas e Carlos Font
Os deputados do PSOE, Digna Rivas e Carlos Font / PontevedraViva

O grupo provincial do Partido Socialista na Deputación de Pontevedra asegura que "o novo goberno do Partido Popular vai recortar un 21,1% os recursos directos repartidos de maneira regrada aos concellos" no próximo ano 2024 con respecto ao actual.

Os deputados Digna Rivas e Carlos Font compareceron este xoves en rolda de prensa para expresar a súa reacción ante a "performance" ou o "mitin" que, ao seu xuízo, foi a presentación aos alcaldes do Plan + Provincia por parte do presidente da Deputación, Luis López.

Digna Rivas explicou que neste ano, cos tres programas que deixou aprobados "con cero partidismo" o anterior goberno provincial presidido por Carmela Silva os municipios de menos de 50.000 habitantes recibiron 68,7 millóns de euros (44 millóns do Plan Concellos, 22 do PON 2030 e 2,7 do Plan extraordinario polos temporais).

Con todo, segundo a deputada socialista, para o próximo ano 2024 os concellos van recibir un total de 54,2 millóns de euros "é dicir, un 21,1% menos". E advertiu de que "xa veremos con que criterios" se adxudican estes fondos.

A portavoz socialista dixo que "o Partido Popular non cumpre o que promete" porque no novo plan + Provincia "non hai nin rastro deses 60 millóns que o Partido Popular esixiu para o Plan Concellos cando estaban na oposición" unha actitude que criticou pola súa "hipocrisía".

Digna Rivas asistiu á presentación do Plan + Provincia na súa condición de alcaldesa de Redondela e asegurou que "ningún alcalde ou alcaldesa saíu da Deputación o pasado luns sabendo que asignación vai ter en 2024" algo que, segundo destacou, nunca ocorrera no últimos oito anos co bipartito PSOE – BNG.

En resumo, para o Partido Socialista o actual goberno do PP na Deputación de Pontevedra presenta para os concellos "menos cartos, máis propaganda, menos transparencia, máis opacidade, menos municipalismo e moito máis caciquismo".

Pola súa banda, Carlos Font sinalou que o novo goberno provincial quere poñer en marcha "a una velocidad acelerada" o Plan de Infraestruturas Deportivas dotado con 4 millóns de euros, xa que no pleno deste mes leva a modificación de crédito. Tamén alertou da recuperación do chamado "Plan de Acción Caciquil" co obxectivo de beneficiar a los ayuntamientos de su color político".