O grupo provincial do Partido Socialista asegura que o orzamento da Deputación de Pontevedra para 2024 é "machista, de volta ao chapapote, antisocial e profundamente antimunicipalista".
Nunha rolda de prensa celebrada este mércores en Pontevedra, os portavoces do PSOE, Carlos Font e Laura Iglesias, presentaron as emendas do seu grupo ao proxecto de orzamento provincial coas que pretende reverter os "machadazos ideolóxicos" que o Goberno provincial do Partido Popular "perpetra aos sinais de identidade que puxeron á Deputación de Pontevedra á vangarda", como foron, ao seu xuízo, as políticas de Igualdade e as de Mobilidade.
A emendas do PSdeG-PSOE detraen 2,1 millóns de euros do "Plan de Acción Comunitaria" e da Copa Deputación de Fútbol e devolve eses fondos ás áreas de Igualdade, Infraestruturas e Emprego. Ademais, cambia a estrutura interna do plan "+Provincia" (que substitúe ao Plan Concellos) para que os fondos non vaian a pagar débedas a municipios do PP "endebedados ata as cellas" en lugar de financiar obras.
Font tamén criticou que o Orzamento tamén "fulmina" a área de Memoria Democrática que, cunha redución do 28,4% queda desprovista das liñas de axuda para restauración patrimonial e etnográfica con eliminación da simboloxía franquista. "Parece que ao PP gústanlle os xugos e as frechas", dixo o voceiro socialista.
O Partido Socialista criticou a recuperación do "Plan de Acción Caciquil" para "tirar polo desagüe do caciquismo dous millóns de euros" e que a partida de publicidade e propaganda medra.
Finalmente, os socialistas falan dun orzamento "de dereitas e rancio", porque "non aposta polos fondos europeos, nin pola cooperación interterritorial" e que, ademais, presentouse con vergoña, "agochado, como segundo plato, detrás dun logotipo".