Os socialistas de Pontevedra e Marín fan fronte común ante a decisión de Costas de non rematar a senda peonil e ciclista que tiña que unir os dous concellos pola beira da ría. Consideran que esta medida é "absolutamente inasumible e inaceptable".
Ambos os dous voceiros, Iván Puentes e Manuel Pazos, aseguran que "non estamos dispostos" a renunciar a que se complete unha actuación "pola que a veciñanza leva agardando demasiado tempo" e reclaman que se cumpra "o que estaba comprometido".
Censuran que o Ministerio para a Transición Ecolóxica "queira deixar no caixón" este proxecto e esixen que se estuden as solucións técnicas que resulten máis axeitadas para completar este demandado e ansiado paseo, dentro do respecto á Lei de Costas vixente.
Preservar a costa, segundo Puentes, é compatible con ter un paseo marítimo peonil e ciclista "finalizado e completo", desde as praias de Marín ata o centro de Pontevedra, itinerario que despois se une coa parroquia de Bora, onde remata o paseo fluvial do Lérez.
"Quedan simplemente uns metros para que o paseo poida ser completado", reiterou o socialista pontevedrés, que subliña que esta actuación "seguirá sendo unha prioridade" para o seu partido, polo que reclamará ao Goberno central que reconsidere a súa postura.
Pazos, pola súa banda, defendeu que existen solucións técnicas para abordar a continuidade do paseo "e niso estaremos, pelexando e traballando para facer realidade un proxecto común, colectivo e que apoiamos todas as forzas políticas de Marín e de Pontevedra".
Ante a situación de incerteza, os grupos municipais do PSOE presentarán mocións nos plenos de Pontevedra e Marín para solicitarlle formalmente ao Goberno de España "que estude esas alternativas e que dunha vez por todas se remate esta infraestrutura".
Tanto Iván Puentes como Manuel Pazos afirmaron que "o máis importante, que son os intereses dos veciños e veciñas de Pontevedra e Marín, estarán sempre por enriba das siglas de calquera partido político".