O PSOE de Cerdedo-Cotobade aplaude a repartición de fondos da Deputación aos concellos

Cerdedo Cotobade
11 de xaneiro 2021

A portavoz socialista,  Lina Garrido esixe ao alcalde Jorge Cubela que aprobe canto antes os orzamentos municipais e esixa a Sergas o reforzo asistencial no municipio.

Concelleiros do PSOE de Cerdedo-Cotobade
Concelleiros do PSOE de Cerdedo-Cotobade

O PSOE de Cerdedo-Cotobade aplaude o orzamento reservado pola Deputación para este municipio. O Plan Concellos do 2021 supón a achega dun millón de euros para mellorar espazos comúns e camiños en diversas parroquias. A portavoz socialista, Lina Garrido, lembra que desde o 2015, Cotobade recibiu máis de 7 millóns de euros do ente provincial.

Por iso, a oposición critica que o alcalde, Jorge Cubela, entre en "pugnas continuas" co executivo provincial ao entender que a asignación que recibe o Concello " non é nada despreciable". Garrido sostén que "Cubela, movido polo seu desexo de promoción persoal dentro do PP, pon ao partido por diante da institución municipal á que representa. Ata lle incomoda que os veciños se decaten de onde procede o financiamento de moitas obras".

Piden os socialistas ao Concello que aprobe os orzamentos municipais do 2021 e que inclúa nos mesmos unha liña de axudas ao sector hostaleiro e aos autónomos. Tamén reclaman ao rexedor que esixa ao Sergas o reforzo do sistema sanitario do municipio.