O grupo municipal do PSdeG-PSOE en Poio criticou este sábado ao alcalde, Ángel Moldes, e o seu anuncio dos resultados da auditoría encargada nada máis acceder ao cargo.
Para o socialista Gregorio Agís esas contas evidencian que a administración local "está toltalmente saneada", acusando o rexedor de "embustes e manipulacións".
Agís asegura que a intención de Moldes é confundir os veciños facendo mención a unha débeda que antes do cambio de goberno quedou "exactamente coa contía coñecida e comunicada a veciñanza. Perfectamente estruturada, moi por baixo do límite que marca a lei", o que "non condiciona en absoluto o funcionamento normal do Concello".
"É moi grave que se escude na débeda á hora de non gratificar as horas extras esixidas ao persoal desde a súa entrada no goberno local, cando a súa primeira decisión foi subirse o soldo ata converterse no alcalde máis pago da historia de Poio", critica o representante do Partido Socialista.
Por último Gregorio Agís asegura que o esgotamento de partidas que denuncia o Partido Popular é algo que "sucede en todolos concellos a estas alturas do ano, é algo normal".
RESPOSTA DE ÁNGEL MOLDES
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, saíu ao paso das críticas da oposición.
"Sorpréndenos que diga que as contas do Concello están saneadas cando hai provedores contratados por el mesmo que levan tres anos esperando cobrar por facturas", asegura o representante popular defendendo que "se fose verdade que todas as contas están saneadas como é que deixaron tantas facturas sen pagar".
"As afirmacións que fixemos non é do Partido Popular, senón baseadas en informes técnicos que poden ver calquera veciño no Concello", conclúe Moldes reiterando á súa vez que "en poucos concellos no mes de maio xa todo o seu orzamento está totalmente esgotado con medio ano por xestionar".