O PSOE fai desde a praza de abastos de Pontevedra unha chamada ao voto útil "porque estamos xogándonos moito en España"

Pontevedra
18 de xullo 2023

O número 1 do PSOE ao Congreso por Pontevedra, David Regades, lembrou que o BNG tivo 39.000 votos nas últimas xerais na provincia que non se traduciron en ningún deputado, unha circunstancia que debe mover á reflexión"

Acto de campaña do PSOE na praza de abastos de Pontevedra
Acto de campaña do PSOE na praza de abastos de Pontevedra / PSdeG-PSOE de Pontevedra

A campaña electoral do PSOE para as eleccións do domingo 23 de xullo fixo este martes unha parada en Pontevedra cunha chamada ao voto útil "porque estamos xogándonos moito en España". 

O número 1 do PSOE ao Congreso por Pontevedra, David Regades, lembrou que o BNG tivo 39.000 votos nas últimas xerais na provincia que non se traduciron en ningún deputado, unha circunstancia que debe mover á reflexión".

"O voto útil nestas eleccións é extraordinariamente importante, máis que nunca, e por iso apelamos a todas as persoas progresistas a que concentren o seu voto no Partido Socialista, que é a forza que é quen de traducir o apoio electoral progresista en deputados e deputadas", remarcou.

 O acto celebrouse na praza de abastos de Pontevedra, coa presenza de David Regades; a tamén candidata ao Congreso Marica Adrio; a candidata ao Senado Carmela Silva; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o voceiro municipal socialista, Iván Puentes; e a secretaria xeral do partido na cidade e Subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba. 

Carmela Silva dirixiuse ás mulleres da cidade e da provincia de Pontevedra e, en especial, ás mulleres do sector primario e subliñou que os dereitos das mulleres están a ser cuestionados "pola ultradereita, polo fascismo que cogoberna co PP e iso non é un futurible, senón unha realidade que xa está aí". 

Afirmou que o Goberno de Pedro Sánchez é o que máis apoiou ao agro e ao mar e reivindicou o salto cualitativo que supuxo a aprobación da Lei de Cadea Alimentaria, que prohibe as vendas a perdas, lei "que a Feijoo non lle gusta, porque el está ao lado das grandes empresas que esquilman ás produtoras e produtores". 

Iván Puentes recordou o impacto dos 4 millóns de euros de fondos europeos que están a reforzar o turismo en Pontevedra a través de iniciativas como a creación da marca "Pontevedra Capital Gastro". "Conseguimos que o Goberno de España se fixase en Pontevedra e financiara os plans de posicionamento do destino turístico", sinalou.

Marica Adrio destacou a importante presencia do sector primario no programa electoral do PSOE e subliñou que no agro e na pesca traballan hoxe 50.000 persoas máis en España que no ano 2018, ano no que comezou a actual lexislatura.