O grupo municipal do PSOE en Pontevedra considera que a proliferación do eucalipto é "un problema de primeira magnitude na política galega" e insiste na "necesidade de pararlle os pes ao eucalipto" para garantir a biodiversidade e a persistencia dun mundo rural vivo. Para conseguilo, consideran que hai que "actuar antes de que sexa demasiado tarde" e decidiron levar o asunto ao próximo pleno da corporación local.
O voceiro socialista, Tino Fernández, presentou unha moción na que fai unha análise da evolución do eucalipto en Galicia e sostén que nos últimos 40 anos pasou de ocupar pouco mais de 130.000 hectáreas a máis de 500.000, segundo datos do Inventario Forestal Nacional.
"As cifras son demoledoras e reflicten unha situacion moi preocupante", mantén o socialista, que inclúe na súa moción oito propostas contra a eucaliptización. Fai súas medidas que propoñen diferentes grupos ecoloxistas e que o PSOE xa está levando por outros concellos en forma de moción.
Os socialistas parten da base de que "onde crece, o eucalipto acaba por destruir o terreo e o deixa practicamente inservible para outro tipo de plantas" e de que se non se toma a situación en serio, "as consecuencias no futuro serán previsiblemente malas ou moi malas".
O obxectivo desta moción é presionar ás administracións públicas competentes, pero tamén ao Concello de Pontevedra, para que "no marco das súas responsabilidades" poida adoptar medidas de control do que xa é unha "praga".
A mociión solicita unha moratoria para novos plantíos desta árbore, a consideración do eucalipto nitens como especie invasora, que o novo Plan Forestal poña freo aos cultivos enerxéticos, unha aplicación estrita da lexislación para impedir a forestacion con eucalipto de terras agrarias, o establecemento dunha fiscalidade verde, unha campaña de promoción dos aproveitamentos sustentables e a eliminación dos eucaliptos ventureiros.