O PSOE oponse a regularizar os 'leiraparking' de Montecelo sen que exista un aparcadoiro gratuíto

Pontevedra
15 de setembro 2018

"Isto é o mundo ao revés. Os que se enchen a boca defendendo a sanidade publica, apostan por aparcadoiros de pago", declarou o portavoz municipal socialista, Agustín Fernández pedindo "explicacións" ao goberno local polo seu apoio aos leiraparking

Agustín Fernández, no pleno municipal Mónica Patxot

A intención por parte do Concello de Pontevedra de que a Xunta de Galicia regularice os coñecidos como 'leiraparking', parcelas privadas que se utilizan previo pago como estacionamento, no futuro Novo Montecelo topou coa oposición frontal do Partido Socialista.

Para o portavoz municipal do PSOE, Agustín Fernández, esta situación supón "o mundo ao revés. Os que se enchen a boca defendendo a sanidade publica, apostan por aparcadoiros de pago", sinalou nun comunicado.

Fernández acusa o goberno local de non dicir "nin unha palabra dun aparcadoiro publico e gratuíto", e asegura que detrás desta decisión escóndese "un acordo claro entre BNG e PP" para privar ao Gran Montecelo dun aparcadoiro gratuíto.

Para o edil socialista a falta de zona de estacionamento libre dificultará a accesibilidade dos usuarios e usuarias á sanidade "tal e como xa manifestou en varias publicacións e manifestos a Plataforma en Defensa da Sanidade Publica".

O PSOE anunciou que formulará preguntas escritas para coñecer os avances do proxecto do novo hospital.