O PSOE pide explicacións ao Goberno sobre por que non se trasladou a Xefatura de Tráfico

Pontevedra
23 de decembro 2014

Guillermo Meijón denuncia que rexistrou xa varias preguntas no Congreso dos Deputados en relación coa paralización destas dúas actuacións na cidade de Pontevedra, pero "parece que o Goberno se nega a contestar no Congreso sobre cuestións que non lle interesa dar a coñecer"

Antigo edificio do Banco de España na rúa Michelena
Antigo edificio do Banco de España na rúa Michelena / Mónica Patxot

O PSOE pide explicacións ao Goberno sobre o motivo polo que non se trasladaron a Xefatura Provincial de Tráfico e as oficinas de xestión do Documento Nacional de Identidade (DNI) a un edificio adquirido no barrio de Campolongo e á antiga sede do Banco de España xa reformada na rúa Michelena.

A petición de explicacións realízaa o deputado pontevedrés Guillermo Meijón, que denuncia que rexistrou xa varias preguntas no Congreso dos Deputados en relación coa paralización destas dúas actuacións na cidade de Pontevedra, pero "parece que o Goberno se nega a contestar no Congreso sobre cuestións que non lle interesa dar a coñecer".

O deputado socialista quere saber as razóns que impiden o traslado das oficinas para a xestión do DNI ás instalacións da rúa Michelena e se existe unha decisión definitiva de dar marcha atrás para este traslado. De non ser así, pregunta cal é o calendario que manexa o Goberno para que este traslado sexa unha realidade na cidade.

Guillermo Meijon: "Haberá que esperar pero ao final obteremos resposta"

En relación coas instalacións da Xefatura Provincial de Tráfico, Meijón recorda que o Ministerio do Interior adquirira no ano 2008 por 4,1 millóns de euros un baixo situado entre as rúas Luis Braille e Amado Carballo, no barrio de Campolongo.

O deputado socialista recórdalles que ese baixo tiña como finalidade albergar as instalacións da Xefatura Provincial de Tráfico e presenta unha iniciativa parlamentaria na que pregunta polas razóns que impediron que se procedese ao traslado ou se o Goberno decidiu renunciar a este. No caso contrario, pide ao Goberno "que expoña as datas en que o devandito traslado será unha realidade".

Finalizado xa o prazo regulamentario que o Goberno tiña para responder ás preguntas presentadas no Congreso, Guillermo Meijón indica que "a non contestación en prazo provoca que as devanditas preguntas parlamentarias serán introducidas para a súa resposta oral na orde do día da primeira Comisión desta área que se celebre a partir de febreiro". Advirte que "haberá que esperar pero ao final obteremos resposta".