O PSOE presenta na Alameda de Marín a candidatura de Manuel Pazos á alcaldía

Marín
29 de abril 2023

"Temos unha candidatura de enorme valor, plural, renovada, próxima, honesta e na que todos compartimos a necesidade de abrir unha nova etapa en Marín e na que poder atallar os problemas de falta de vivenda, de chan empresarial e de emprego", declarou o socialista

Presentación de Manuel Pazos como candidato socialista á alcaldía de Marín
Presentación de Manuel Pazos como candidato socialista á alcaldía de Marín /

O Partido Socialista celebrou este venres a presentación da súa candidatura á alcaldía de Marín nun acto celebrado na alameda.

Un acto ao que asistiron o deputado no Congreso Guillermo Meijón, a Presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva e o candidato Manuel Pazos, acompañado do resto de integrantes da súa lista.

O acto comezou cunha emotiva homenaxe ao concelleiro socialista Benito González, falecido hai escasos meses nun terrible incendio, e ao que os socialistas quixeron agradecer toda a súa dedicación e compromiso ao longo de tantos anos. 

Tras as intervencións de Meijón e Silva, tomou a palabra o candidato Manuel Pazos para presentar un a un aos 31 membros da súa candidatura.

Unha candidatura que Manuel Pazos describiu como aberta, plural, renovada, próxima e honesta, integrada por mulleres e homes dispostos a dar a batalla para que Marín consiga deixar atrás estes doce anos de parálise urbanística, de declive comercial, de perda de poboación e de falta de oportunidades.

E ante ese panorama actual explicou cales foron as distintas medidas e iniciativas que o Partido Socialista impulsau nestes catro anos para reverter esta situación, para falar de cales serían as súas prioridades e proxectos de futuro e mostrándose convencido de que unha nova maioría está a abrirse paso.