O PSOE presentará unha moción para que as especialidades derivadas a Santiago retornen a Vigo e Pontevedra

Pontevedra
16 de xaneiro 2014
Actualizado: 18:37

Os socialistas levarán ao pleno de xaneiro esta moción na que reclamarán tamén ao presidente da Xunta un gran pacto político para construír un Hospital único en Pontevedra, "xa que a Xunta non ten intención de facer o de Monte Carrasco"

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Mónica Patxot

Antón Louro, voceiro do grupo municipal socialista, anunciou que presentará unha moción no pleno de febreiro para reclamar ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, un gran pacto político sobre a área sanitaria norte da provincia que resolva a construción dun Hospital único para Pontevedra. O tenente de alcalde apuntou a esta solución porque "a Xunta non ten intención nin capacidade financieira para o prometido Hospital de Monte Carrasco".

Louro mostrou o seu malestar e preocupación pola decisión adoptada polo SERGAS de derivar aos pacientes dalgunhas especialidades cirúrgicas de Pontevedra e O Salnés ao Hospital Clínico de Santiago. O voceiro socialista lamentou que esta proposta supoña "un aumento dos custos a pacientes e familiares". Por este motivo, na moción reclamarán que se reconsidere esta decisión para que as especialidades se reconduzan ao Hospital de Vigo e ao de Pontevedra.

Para Antón Louro é lóxico que determinadas "superespecialidades" deban centralizarse para mellorar o servizo pero sinalou que o SERGAS trata os veciños de Pontevedra como moeda de cambio para engordar unha ou outra área sanitaria. "Non se poden facer cambios drásticos", sinalou en referencia aos prexuízos que esta medida supón para 300.000 usuarios dos hospitais da área sanitaria norte.

PLENO DE XANEIRO

Ao pleno ordinario do vindeiro luns 20 de xaneiro non se levarán cuestións polémicas, según comentou Louro, para que a atención poida centrarse na entrega dos Premios Cidade de Pontevedra a ÿscar Graña e ao Conservatorio de Música de Pontevedra, durante a celebración do pleno extraordianrio que se desenvolverá no Teatro Principal.

INICIATIVAS DO PSOE

O secretario provincial do PSdeG de Pontevedra, Santos Héctor, trasladou o "rexeitamento" do seu partido á reorganización da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e anunciou que se adoptarán iniciativas políticas por parte dos deputados socialistas no Parlamento Galego, no Congreso, e presentarán mocións na Deputación de Pontevedra e en cada un dos concellos afectados por esta "medida unilateral do Partido Popular".