O 'raxito de pulpo' de Terracita, bocado gañador do sexto Caldelas Tapas Quentes

Ponte Caldelas
26 de xaneiro 2022

A sexta edición do certame gastronómico Caldelas Tapas Quentes xa ten gañador. É a cafetería Terracita, que foi elixida polo xurado especializado pola alta calidade da proposta que presentaron ao concurso, o seu 'raxito de pulpo'

Primeira xornada do Caldelas Tapas Quentes
Primeira xornada do Caldelas Tapas Quentes / Concello de Ponte Caldelas

A sexta edición do certame gastronómico Caldelas Tapas Quentes xa ten gañador. É a cafetería Terracita, que foi elixida polo xurado especializado pola alta calidade da proposta que presentaron ao concurso, o seu 'raxito de pulpo'.

Foron doce os locais que participaron os venres dos meses de decembro nesta proposta culinaria que ten como finalidade dinamizar a hostalería do municipio.

O xurado, composto por Pepe Vieira, Conchi Amoedo e Ángeles Míguez 'Lita', destacou o sabor e a presentación da tapa gañadora, así como o emprego de produtos de proximidade e de tempada.

Os establecementos que participaron no Caldelas Tapas Quentes 2021 foron Alborada, Acuña, Alameda, Atelier del Delirio, Bar Valladares, Jamarte, Klimbin, Terracita, LaTribu, Tapería Victoria, Mesón Parad, e Verdugolandia.

Para o mes de xullo, o Concello de Ponte Caldelas porá de novo en marcha a edición de verán do Caldelas Tapas para continuar promocionando o municipio e apostando por atraer visitantes a Ponte Caldelas nas noites do venres.