O Raxó Club de Fútbol anuncia que xa non organizará as festas de San Gregorio e A Saleta

Poio
26 de febreiro 2020

O presidente do Raxó Club de Fútbol, Javier Herrero, quere facer pública esta decisión "para deixar claro a todas as persoas que, ou en redes ou persoalmente, preguntáronme se temos algunha relación coa Comisión, sobre todo tras o balbordo orixinado a pasada semana en Raxó pola difusión do cartel da festa de San Gregorio"

Festas da Saleta, en Raxó
Festas da Saleta, en Raxó

O presidente do Raxó Club de Fútbol, Javier Herrero, desvinculou á institución deportiva da comisión de festas.

Nun comunicado Javier Herrero informou que o pasado 4 de decembro de 2019 "presentei a dimisión irrevogable do meu cargo como presidente da devandita comisión por diferentes motivos".

Segundo explicou, agora quere facer pública esta decisión "para deixar claro a todas as persoas que, ou en redes ou persoalmente, preguntáronme se temos algunha relación coa Comisión, sobre todo tras o balbordo orixinado a pasada semana en Raxó pola difusión do cartel da festa de San Gregorio".

O "balbordo" ao que fai mención débese á iniciativa da comisión de festas de Raxó, de sortear un succionador de clítoris Satisfyer para recadar fondos cos que sufragar as celebracións na honra a San Gregorio.

Javier Herrero puntualiza que os membros da devandita Comisión crearon a súa propia asociación e no Raxó CF "seguimos tendo a nosa, sendo ambas independentes".

"A partir de agora xestionaremos exclusivamente o equipo de fútbol e a festa do socio que, como todos os anos, faremos no peirao de Raxó a finais de xullo", concluíu.