O recinto feiral volverá vestir de rebaixas do 3 ao 5 de febreiro

Pontevedra
10 de xaneiro 2017

Stock Pontevedra, a feira de oportunidades que organizan cada ano o Centro Comercial Urbano Zona Monumental e a asociación Aempe, volverá encher de ofertas e rebaixas o recinto feiral. Está aberto o prazo para que os comerciantes interesados en participar formalicen a súa inscrición

Stock Pontevedra
Stock Pontevedra / Mónica Patxot

Stock Pontevedra, a feira de oportunidades que organizan cada ano o Centro Comercial Urbano Zona Monumental e a asociación Aempe, volverá encher de ofertas e rebaixas o recinto feiral. Será entre o 3 e o 5 de febreiro e está aberto o prazo para que os comerciantes interesados en participar formalicen a súa inscrición. 

Durante tres días, os comerciantes exporán toda a súa oferta de oportunidades nun 'gran centro comercial' de 4.500 metros cadrados ao que se espera a chegada dun público potencial de 20.000 persoas.

A feira está destinada aos comerciantes que teñen problemas de stocks, a quen as últimas campañas de vendas non lle permitiran cumprir os seus obxectivos e a aqueles que, sen atoparse nas dúas situacións anteriores, buscan en Stock Pontevedra un espazo no que realizar unha campaña de rebaixas como a das grandes superficies comerciais. 

Poderán participar todos aqueles pequenos comercios que teñan un establecemento aberto ao público, que teñan intención de poñer á venda os seus produtos habituais a un prezo ou nunhas condicións máis vantaxosas para os consumidores (quedando a elección do propietario do comercio a porcentaxe de desconto ou oferta que aplica) e que estean dados de alta no Imposto de Actividades Económicas nalgún dos epígrafes comprendidos no sector de comercio e no censo de actividades económicas dentro do epígrafe de venda polo miúdo.

Todo aquel que desexe participar ou recibir máis información pode solicitala na oficina do CCU Zona Monumental no número 1 da rúa Serra, no teléfono 685896569 ou no correo electrónico [email protected]. Os asociados ao Centro Comercial Urbano Zona Monumental e Aempe teñen un 25% de desconto.