O Rei Don Juan Carlos, de novo en Sanxenxo

Sanxenxo
17 de abril 2016

Parece que o rei emérito, Don Juan Carlos de Borbón, colleulle o gusto á ría de Pontevedra. Desde que abdicou a favor do seu fillo a súa presenza en Sanxenxo é habitual. E esta fin de semana, de novo, deixouse ver polas inmediacións do Real Club Náutico para gozar dun dos seus deportes favoritos, a vela

O Rei Don Juan Carlos, nos pantaláns do porto deportivo de Sanxenxo Miguel Selas / Real Club Náutico de Sanxenxo

Parece que o rei emérito, Don Juan Carlos de Borbón, colleulle o gusto á ría de Pontevedra. Desde que abdicou a favor do seu fillo a súa presenza en Sanxenxo é habitual. E esta fin de semana, de novo, deixouse ver polas inmediacións do Real Club Náutico para gozar dun dos seus deportes favoritos, a vela.

Don Juan Carlos chegou a Sanxenxo a noite do pasado venres, pero a choiva e o mal tempo non lle permitiron saír a navegar ata este domingo.

Xunto ao seu gran amigo Pedro Campos, presidente do Náutico, o monarca quixo tomar contacto coas embarcacións que participarán na competición da clase 6mR que terá lugar en Sanxenxo os días 21 e 22 de maio.

De feito, Don Juan Carlos realizou os adestramentos como patrón a bordo do Galant, con Alberto Viejo, Roi Álvarez, Juan Kouyoumdjian e Pedro Campos como tripulación.

O Galant é unha das cinco unidades da clase 6mR que xa se atopan en Galicia desde o pasado mes de marzo -as outras son o Ian, o Caprice, o Alí Babá e o Aída. Outros barcos como o Acacia, que está realizado modificacións para adaptarse á clase; ou o Erica, pendente de chegar ás Rías Baixas desde o Reino Unido, conformarán a frota para esta competición.

Todos eles, que saíron ao mar á primeira hora desta mañá, puideron gozar este domingo dunhas condicións meteorolóxicas perfectas para a navegación.

Ademais, Don Juan Carlos participou na noite do sábado dunha cea entre amigos no Hotel Sanxenxo á que, ademais de Pedro Campos, acudiu tamén entre outros o vicepresidente de Abanca, Juan Carlos Escotet.