Juan Carlos I xa está de novo en Sanxenxo. Nesta ocasión, o seu regreso está a ser máis discreto que hai un ano.
O rei emérito chegou pouco antes das 13:40 horas nun voo privado que aterrou en Peinador procedente de Londres, onde asistiu onte á noite ao partido da liga de Campións entre o Chelsea e o Real Madrid no estadio Stamford Bridge.
Desde o aeroporto de Vigo trasladouse en coche ao domicilio do seu amigo e anfitrión Pedro Campos, presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo, e a súa segunda muller, Cristina Franze. Alí entrou contra as dúas e media da tarde, sentado no asento do copiloto.
Do mesmo xeito que ocorreu durante a súa anterior visita, a súa chegada desde Abu Dabi está a xerar unha grande expectación mediática con ducias de xornalistas apostados en puntos como o porto deportivo ou a casa de Pedro Campos.
A anécdota da mañá protagonizábaa un veciño da zona que repartiu varias empanadas caseiras entre os reporteiros, fotógrafos e cámaras de televisión que fixeron garda ante o chalé de Nanín desde primeira hora.
Entre as poucas persoas que acudiron a recibir a Juan Carlos I repetiu outro cidadán que, como fixera na primeira visita, acudiu cunha bandeira republicana ondeando a tricolor ao berro de 'viva a República'.
Aínda que nesta ocasión o rei emérito tan só se limitou a saudar desde o asento do copiloto sen baixar o portelo nin ofrecer declaracións.
Debido os numerosos medios de comunicación que se concentran no vial privado que conduce ao chalé de Pedro Campos, o Concello de Sanxenxo, aconsellado pola Garda Civil, puxo uns valos para evitar accidentes.
Durante a mañá calquera movemento na zona xeraba curiosidade. Iso foi o que ocorreu coa furgoneta dunha florería ou a da peixaría "Piliña" que accedían á casa de Pedro Campos. "Non podo dicir nada", escusábase cos xornalistas interesados por saber que produtos do mar lle encargaran.
A pesar das reiteradas preguntas, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín asegurou descoñecer os plans do emérito. "Ninguén me dixo nada, nin o meu amigo Pedro Campos" dixo o alcalde que na súa axenda só ten reservada a xornada do sábado para dar un paseo co ex presidente Mariano Rajoy pola recentemente inaugurada senda de Dorrón.
Pola súa banda, o presidente do Consorcio de Empresas Turísticas de Sanxenxo (CETS), Alfonso Martínez, sinalou que "nós o valoramos moi positivamente. O sector está encantado de que veña o rei" xa que "ten unha repercusión mediática moi importante".
"Non poderiamos pagar con cartos toda a promoción que fai de Sanxenxo", destacou o responsable do consocio de hostalería de Sanxenxo.
Aínda que non hai confirmación oficial espérase que o emérito quede en Sanxenxo ata o domingo para participar nas regatas a bordo do Bribón.
No porto o acceso á embarcación está restrinxido. O Bribón, unha embarcación de madeira de seis metros de eslora, foi deseñado para que o rei emérito poida ir á cana sentado.