A visita do rei Urco ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, marcará, como é tradicional, o inicio do Entroido pontevedrés. O encontro está previsto para este venres ás 21 horas na Praza da Ferrería, onde terá lugar unha hora antes unha degustación popular de filloas.
A comitiva do rei do entroido supoñerá o pistoletazo de saída dun programa festivo que durará máis dunha semana. Urco chegará á emblemática praza pontevedresa escoltado polas comparsas Os Canecos, Amoriños de Bora, Os 100 Tolo, Os da Cana, As flores do Entroido, Os Solfamidas, Os Paparrulos, As Sonecas e Os Miúdos.
Tras a recepción, será desvelada a incógnita do contido do pregón desta edición que correrá a cargo da Asociación Recriativa de Xeve que promete crítica e sátira.
O evento estrela da primeira semana festiva terá o desfile do Entroido previsto para as 17 horas do día 22. A caravana partirá de Xosé Malvar e concluirá na Praza de España e Alameda. Unha das novidades deste ano é a instalación dunha plataforma de dez metros para facilitar a visión do desfile ás persoas con mobilidade reducida que será instalada diante da Casa do Concello.
Ao finalizar o desfile dará comezo a festa do Entroido na que se entregarán os premios do concurso de disfraces, que este ano inclúe entre os agasallos unha figura do papagaio Ravachol en cerámica de Sargadelos.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.