O reitor destaca o "bo funcionamento" do Campus de Pontevedra grazas á especialización

Pontevedra
14 de abril 2015

Todas as titulacións do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo cobren anualmente o 100% das prazas ofertadas agás as da Escola de Enxeñería Forestal, na que se chega con dificultade a cubrir a matrícula mínima.

Salustiano Mato e Juan Manuel Corbacho
Salustiano Mato e Juan Manuel Corbacho / Mónica Patxot

Todas as titulacións do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo cobren anualmente o 100% das prazas ofertadas agás as da Escola de Enxeñería Forestal, na que se chega con dificultade a cubrir a matrícula mínima. Esta situación, que se prolonga dende hai anos, levou a institución académica a realizar un "esforzo máis específico" para atraer alumnos.

A pesar dese escaso atractivo de Forestais para os alumnos, a media de matrícula do campus pontevedrés sitúase por enriba do 96%, por enriba da media da universidade, que queda no 95%. A institución leva catro anos con esa estabilidade de quedar a tan só cinco puntos de completar todas as prazas ofertadas.

Os datos achegounos este martes o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, durante un almorzo informativo en Pontevedra no que defendeu a singularidade da Escola de Enxeñería Forestal e se mostrou convencido de que a titulación non desaparecerá a pesar de que algún ano non alcance os 45 alumnos matriculados que esixe o decreto da Xunta de Galicia.

Entre as titulacións pontevedresas, a de maior demanda é a de Fisioterapia, que cada ano repite unha nota de corte "tremenda", seguida de Ciencias do Deporte e Comunicación Audiovisual. Todas as carreiras do campus se sitúan nos postos de saída da Universidade de Vigo en canto a notas de corte.

Salustiano Mato sitúa ese bo funcionamento das titulacións de Pontevedra en que, a pesar de que o campus é un dos máis pequenos de Galicia, oferta carreiras que non se poden cursar en ningún outro punto da comunidade. Esta é unha das fortalezas como cidade universitaria, pero o reitor considera que "non debemos conformarnos con encher a matrícula", senón que hai que dar un paso máis de cara á especialización. Ese paso chega da man do proxecto de Campus Crea.

O Campus Crea xa deu os seus primeiros pasos coa constitución dunha comisión de coordinación científica e o deseño dun plan estratéxico no que se consultou a institucións e sectores socioeconómicos e o reitor confía en que se poida facer a súa posta de longo despois do verán ou, en todo caso, antes de que remate 2015.

Este ano conmemórase o 25 aniversario da Universidade de Vigo e a intención é poder celebrar a finalización do Campus Crea cun grande acto público coa intención de achegar máis a universidade á cidadanía, un dos retos que se marcou a institución académica para o seu crecemento e proxección futura.

O obxectivo final é seguir afondando máis nun logro que xa se empezou a conseguir en Pontevedra, que "cada vez se nota máis que na cidade hai universidade". O que se persegue é "sacar máis á rúa" e que os universitarios se vaian mesturando máis co día a día da cidade. Con ese mesmo fin o próximo 21 de abril celebrarase o Día da Creatividade cunha xornada de portas abertas que permita explicar que fai no campus neste ámbito.