O reto de levar á casa un menú de entrante, prato principal e sobremesa por seis euros

Pontevedra
28 de febreiro 2023

As propostas gastronómicas do alumnado do CIFP Carlos Oroza poden degustarse en casa ata o 10 de marzo. Os alumnos recoñecen que "o máis complicado foi cadrar o custo da materia prima dentro o que tiñamos establecido. Á parte de ser un reto, tamén é un labor de procura e de pensar para axustar"

Alumnado do Carlos Oroza preparando os menús para levar
Alumnado do Carlos Oroza preparando os menús para levar / Mónica Patxot

As propostas gastronómicas do alumnado do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, das que nos últimos anos a cidadanía pode gozar na súa aula restaurante ou nos seus foodtruck, tamén poden degustarse nacasa ata o 10 de marzo a través dun servizo de comida para levar posto en marcha durante un mes. 

Por un prezo moi axustado de seis euros, o comensal pode levar cada venres un menú con entrante, prato principal, sobremesa e envases refugables, todo de comida saudable con produtos de calidade garantida. Entre o 17 de febreiro e o 10 de marzo, cada venres, once alumnos van rotando para encargarse de ofertar os seus menús, de tal forma que hai semanas con dúas e outras con catro diferentes. 

Este venres 3 de marzo haberá dúas opcións. A primeira, con crema de hortalizas, lombo de porco asado con xamón, queixo e champiñóns e bolos de vento de mazá. A segunda, con crema de cabaza, pito guisado con patacas e semifrío de iogur e laranxa

Ricardo é o responsable da primeira e esta semana, á vez que ultimaba os detalles do menú, explicou que o seu menú é unha oferta "máis ou menos sinxela" e "baseada na comida do día a día". El tíñao claro desde o primeiro momento, buscaba algo diferente, e, ao mesmo tempo, "algo sinxelo, pero rico en sabor". 

"Non quero impresionalos cos ollos, senón co estómago", explicou, en alusión a un proxecto no que a premisa era "non había que facer algo extraordinario, comida de todos os días". Non en balde, requisito fundamental era axustarse a un prezo máximo de seis euros o menú. Dado que cada cociñeiro ten que preparar dez menús, o prezo total da súa lista da compra non podería superar os 60 euros, cos envases incluídos. 

Con esa limitación de seis euros, que "hoxe en día é un prezo relativamente barato", Ricardo buscaba que "cando coman, queden a gusto e a un prezo módico", por iso, por exemplo, descartou a tenreira ou outras carnes máis caras e apostou polo lombo de porco, para "sacar un sabor dun produto relativamente barato". 

O proxecto forma parte da formación do alumnado de segundo curso do ciclo superior de dirección de cociña e pretende situar aos estudantes ante unha situación que cada vez se atoparán máis na súa futura vida laboral, ante a proliferación dos servizos de entrega a domicilio e comida para levar en todo tipo de proxectos culinarios. 

A nivel docente, o proxecto guíao Ricardo Fernández Guerra, docente da especialidade de cociña e pastelería, que explica que "está a ter moito éxito". Non é a primeira vez que se pon en marcha no centro un proxecto de similares características, pero nesta ocasión trae como novidade a forma de venda, pois se buscou que mellorar na forma na que chega ao cidadán. 

Este docente insiste en que "hoxe en día, ten que ser accesible a través do móbil" e no centro buscan que o alumnado salga preparado para o mercado laboral actual, de modo que o exercicio formativo esixe que cada cociñeiro faga todo o proxecto de principio a fin, desde deseñar o menú para preparar o escandallo (a relación de materiais e procesos empregados), encargarse do márketing e da súa difusión a través de redes sociais e venda en liña

En anos anteriores, o comensal interesado en levar este menú debía inscribirse nunha lista física no propio centro, pero agora xerouse un código QR para que se poida pedir directamente a través de Internet. Logo, o comensal só terá que acudir o venres en horario de 13.30 a 15.30 horas e pagar os seus seis euros para levar o completo menú a casa. 

 De feito, os menús de todos os venres están xa todos vendidos, pois "non se trata de ser un negocio", aclara Ricardo Fernández, senón de que o alumnado salga preparado para desenvolver un proxecto destas características. 

Tamén como novidade, e para recibir o feedback da clientela, nos días seguintes á venda do menú, realízase unha enquisa de satisfacción

Juan é un estudante que xa puido recibir as realizadas. Xa serviu o seu menú nas primeiras semanas de exercicio, fabada ao estilo asturiano, pescada en salsa verde e torta de queixo ao forno, e agora que pasou á clientela a enquisa de satisfacción, recoñece que "a verdade é que os resultados son bastante bos; estou a recibir sempre críticas construtivas, obviamente, dalgún prato que se pode mellorar". 

Axustarse ao límite orzamentario é un dos aspectos máis complicados do exercicio. "O máis complicado foi cadrar o custo da materia prima dentro o que tiñamos establecido. Á parte de ser un reto, tamén é un labor de procura e de pensar para axustar", explica.

No seu caso, recoñece que foi necesario rectificar algún prato porque pensaba nalgunha guarnición que "polo custo, non é posible". 

O seu profesor recoñece que a algún estudante custoulle un pouco todo o proceso, pero "en xeral, todos o conseguen" e sérvese un menú ao comensal de boa calidade e que, ademais, é accesible á cidadanía, pois "crean un formulario fácil" para poder pedir desde o teléfono móbil. Hainos que apostaron por unha proposta tradicional e outros por pratos máis creativos, pero, en xeral, "non moi complicados", sobre todo, por esa limitación orzamentaria.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora