O mercado de Pontevedra, un laboratorio pioneiro en España para o futuro da hostalería

Pontevedra
16 de febreiro 2024

Unha alianza tecida entre o Concello, o CIFP Carlos Oroza e a Xunta transformará un espazo no primeiro piso do mercado para que o alumnado poida realizar accións prácticas adaptadas ao mundo laboral e o sector da hostalería. Servirán un menú do que son responsables ao 100%, en cociña, en sala ou na parte empresarial

Presentación do primeiro ensaio gastronómico do Carlos Oroza no mercado municipal
Presentación do primeiro ensaio gastronómico do Carlos Oroza no mercado municipal /

Unha alianza tecida entre o Concello de Pontevedra, o CIFP Carlos Oroza e a Xunta de Galicia converterá o mercado municipal de Pontevedra nun laboratorio pioneiro a nivel estatal e mesmo europeo para testar o futuro da gastronomía galega.

Trátase dun proxecto que poñerá en mans do Carlos Oroza un espazo no primeiro piso do mercado, o que antes ocupaba Na Pola, no que poidan realizar accións prácticas adaptadas ao mundo laboral e o sector da hostalería que o alumnado vai atopar unha vez que remata a súa formación. 

O profesor Ricardo Fernández, en representación dos responsables do proxecto, explicou que, durante este curso, o alumando creou cinco empresas nas que, en colaboración co profesorado, abordan todo o proceso de posta en marcha dun proxecto gastronómico e, como colofón, farán no mercado demostracións gastronómicas nas que poderán aprender dos seus propios erros e acabar por servir á poboación un menú do que son responsables ao 100%, tanto en cociña como en sala ou na parte empresarial. 

Son ZenToloz, el gastrobar Sete 20, la bocatería Priorities, el restaurante Morriña da Terra y la vinoteca Casa do Monte.

Este sábado 17 de febreiro será un día importante para o proxecto, pois o primeiro dos cinco grupos de alumnos que participan no proxecto realizarán o primeiro ensaio gastronómico do curso. Os dous sábados seguintes, repetirán experiencia, dous grupos cada día. Abrirán dun xeito controlado, previa reserva e toda as prazas están xa esgotadas. E terán un prezo axustado de 12 euros.

E, como colofón, durante a semana do 12 de marzo, abrirán os cinco durante un día enteiro para ofrecer a súa oferta gastronómica aberta ao público. Eses días haberá venda libre ata esgotar existencias e terán prezo de mercado. 

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, presentou o proxecto falando dun "día especial" para o mercado, "un dos proxectos máis ilusionantes que ten entre mans o Concello de Pontevedra". Destacou que se trata dun "proxecto innovador, único no Estado" que lle da unha oportunidade "incríbel" ao alumnado para amosar e probar os seus coñecementos. 

Con todas esas xornadas de 'ensaio' e posta en marcha, "o futuro profesional da hostalaría galega pasará por aquí", convertendo este espazo en "laboratorio" e tamén "proposta de vangarda". Para o mercado, será positivo, pois o Concello traballa coa premisa de que "hai que poñer a andar o mercado, hai que darlle actividades e hai que darlle dinamismo".

O director do Carlos Oroza, Manuel Hermo, tamén recoñeceu que é un día "gratificante" porque supón que "a culminación" dun proxecto no que levan anos traballando, pero que a pandemia truncou en 2020.

Destaca que, con esta actividade, ofrecen ao alumnado "un contexto profesional real" no que poderá "amosar as súas destrezas e adquirir novas competencias para conectar no futuro co mundo laboral".

"Aunamos todo o círculo que se fai no centro e trasladámolo á cidade", destacou Hermo, que fala dun proxecto "pioneiro a nivel estatal" no que un centro educativo vai estar na cidade e facendo actividades de dinamización da formación profesional, actividades de dinamización gastronómica e actividades de emprendementos reais.

Ricardo Fernández sinalou que o alumnado está a ter un "traballo intenso" que se está traducindo nunha "grande aprendizaxe". Así, "do ano pasado a este fixemos unha evolución que está a custar moita coordinación e traballo, pero o efecto de aprendizaxe é real e sistemático".

Cristina Lesta, subdirectora xeral de Innovación e Formación Profesional da Xunta, destacou que este proxecto é un exemplo de "boas prácticas" e de "entendemento entre administracións" e puxo en valor que o Carlos Oroza é "un centro de referencia non só en Pontevedra, senón en toda Galicia, en toda España.