O retorno en publicidade do convenio de Nauta con Team Campos estímase en 1,6 millóns de euros

Sanxenxo
10 de febreiro 2015

A alcaldesa entregou este martes a SOS Panadeira a información solicitada sobre o acordo, as contas da sociedade e a análise de medios, entre outros

Barcos do Team Campos no Porto Juan Carlos I de Sanxenxo
Barcos do Team Campos no Porto Juan Carlos I de Sanxenxo / SOS Panadeira

A alcaldesa, Catalina González, entregou este martes a SOS Panadeira a documentación requirida pola asociación con respecto á situación do acordo subscrito por Nauta Sanxenxo co Team Campos, os dereitos e obrigas adquiridos a través deste, así como os beneficios tanxibles e intanxibles que del derivan.

Para iso, a rexedora facilitou ao representante da agrupación unha copia do convenio asinado a finais do ano pasado no que se especifica que a sociedade municipal, encargada da xestión do Porto Deportivo Juan Carlos I, pon a disposición do equipo de vela oceánica espazo no varadoiro para a súa base técnica cunha superficie delimitada de 400 metros cadrados para a colocación de colectores e carpa se fose necesario, servizos como electricidade e wifi con consumos a cargo do Team Campos, atraque para a invernada do barco que prepara a Volta ao Mundo ata o 31 de decembro de 2015 e uso do travel-lift con condicións prefixadas.

Como contrapartida, o equipo publicita e promove en diferentes medios, e ata un importe equivalente aos servizos prestados por Nauta Sanxenxo, a imaxe municipal e debe mencionar en todas as comparecencias públicas o Porto, ademais de resaltar o seu carácter público. Tamén debe, na medida do posible e dado o alto grao de especialización requirido, contratar con provedores locais ou ofrecer emprego á poboación do concello, e manter o logotipo de Nauta na súa embarcación durante a vixencia do acordo, entre outras esixencias en materia de responsabilidade civil ou danos e prexuízos.

Así, tal e como recolle o documento, o apoio que recibe a sociedade representada por Pedro Campos é de carácter loxístico, non financeiro, mentres que o Concello de Sanxenxo obtén a cambio uns beneficios en repercusión mediática valorados por un estudo independente en 1.640.867,38 euros correspondentes á presenza en prensa, radio, televisión, internet e publicidade da marca institucional 'Sanxenxo' a través do Team Campos.

Catalina González tamén proporcionou SOS Panadeira copia das contas de Nauta Sanxenxo dos últimos cinco anos, tal e como pediran por escrito.