A plataforma veciñal 'O Rural Existe', xurdida contra a instalación masiva de 'lombos' nas parroquias do rural de Pontevedra, celebrou este sábado a súa segunda manifestación polo centro de Pontevedra para facer visibles as súas reivindicacións. A choiva desluciu a marcha, que estivo secundada por pouco máis dun centenar de persoas, pero non minorou o ánimo da súa protesta, senón que mantiveron firmes que os 'lombos' son "un insulto á xente do rural", pois "parece que non sabemos interpretar sinais".
A marcha partiu da praza da Peregrina e acabou na praza de España e estivo acompañada pola choiva en todo o percorrido. Non faltaron tampouco as protestas e consignas como "Lombos non, basta xa" ou "Lores, escoita, o rural está en loita" e o apoio de representantes de Cidadáns e do PP, a través do concelleiro José Luis Martín.
En nome do colectivo falou este sábado Pastor Torres, histórico dirixente veciñal de Salcedo. Indicou que na marcha estiveron representadas todas as parroquias do rural, pero fundamentalmente Verducido, Xeve, Mourente e Salcedo, os lugares en lso que xa traballaron a súa difusión. Moitas outras zonas do rural pontevedrés aínda están pendentes de celebrar asembleas informativas para "concienciar a esas parroquias de que os lombos non deberían existir no rural".
"O obxectivo que nos marcamos é eliminar os lombos no rural", insistiu Pastor Torres, que considera "un despropósito, un malgasto" a instalación masiva destes pasos de peóns elevados, que, ademais "non gardan relación cuns tempos modernos", senón que "o sistema é case terceiro mundista".
Pastor Torres criticou que os veciños do rural teñen que pagar os 'lombos' e, ademais "sufrilos", pois se trata de "barreiras ou muros cos que temos que estrelarnos diariamente". Con todo, as súas necesidades reais non están cubertas. Respecto diso, destacan que queren "outros servizos non que nos están prestando", como, por exemplo, a rede de sumidoiros, que "prima máis que todo isto que están a facer".