O saneamento de Tivo, en Caldas de Reis, supoñerá un investimento de 330.000 euros

Umia
22 de xuño 2021

O Concello prevé a execución de novas melloras na rede de saneamento por valor de 1,2 millóns de euros

Depuradora de Corticeiras, en Caldas de Reis
Depuradora de Corticeiras, en Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

O proxecto para o saneamento dos núcleos poboacionais de Tivo, Os Barreiros e Castiños no Concello de Caldas de Reis, recibiu a aprobación este martes por parte da Deputación de Pontevedra, que achegará os 330.000 euros que custará a obra, financiada con fondos do Plan Concellos do ente provincial. 

A actuación consiste na ampliación da rede de saneamento existente nestes lugares e na súa conexión coa depuradora de As Corticeiras. Unha vez aprobado o proxecto, o Concello inicia o procedemento administrativo de licitación co obxectivo de que as obras poidan comezar no menor tempo posible. 

O mecanismo actual de decantador- digestor será substituído por un sistema de evacuación por gravidade ata as instalacións da depuradora. Ademais, a nova rede de saneamento discorrerá na súa totalidade por vías públicas, polo que non afectará a ningunha propiedade particiular. 

"Máis aló desta importante intervención en Tivo, o Concello iniciará nos vindeiros meses obras e proxectos de saneamento de augas residuais cun investimento de máis de 1.200.000 euros grazas ao apoio económico da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos", puntualizou o concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González. Entre esoutros proxectos figuran o saneamento de Paraimas, en Paradela ou en lle Rúa Real de Caldas. 

Pola súa banda, o alcalde Juan Manuel Rey quixo destacar "o compromiso do goberno municipal para levar o saneamento e a depuración de augas residuais á maioría de lugares do Concello, cuestión que supuxo o principal investimento municipal ao longo dos últimos anos".