O Sergas acusa a Cuntis de dar una versión "parcial e sesgada" do encontro co xerente

Umia
06 de novembro 2019

O Sergas enviou unha nota de prensa tras a xuntanza mantida este martes en Pontevedra entre o xerente desta área sanitaria, José Ramón Gómez, co alcalde Manuel Campos e outros responsables da corporación municipal cuntiense

José Ramón Gómez, xerente dos hospitais públicos de Pontevedra e O Salnés, no seu despacho no Hospital Provincial
José Ramón Gómez, xerente dos hospitais públicos de Pontevedra e O Salnés, no seu despacho no Hospital Provincial / Mónica Patxot

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) rexeita a "parcial e sesgada" mensaxe facilitada polo Concello de Cuntis en relación á planificación sanitaria de Atención Primaria que a Xerencia dispón para esta localidade.

O Sergas enviou unha nota de prensa tras a xuntanza mantida este martes en Pontevedra entre o xerente desta área sanitaria, José Ramón Gómez, co alcalde Manuel Campos e outros responsables da corporación municipal cuntiense.

Nese encontro o rexedor trasladoulle a "precariedade" e "situación de colapso" na que se atopa o centro de saúde de Cuntis "cunha espera media de dez días para dispoñer dunha cita para atención médica" e denunciou que o xerente "non se comprometeu a reverter esta situación e tratou durante toda a reunión de alargar o problema pospoñendo a solución para un futuro nunha negociación na que a consellería se atopa inmersa co persoal médico que a día de hoxe non se sabe como terminará".

O Sergas cre que na versión do encontro ofrecida polos responsables da corporación municipal cuntiense "obviáronse diversas cuestións tratadas", como o vindeiro aumento de prazas de profesionais de Atención Primaria en Galicia coa convocatoria dunha oferta pública de emprego ou a "recente adquisición de equipamento".

Sobre a cobertura de efectivos, sinalouse que a Área Sanitaria "analiza diariamente a evolución das axendas dos profesionais de Atención Primaria en Cuntis, que teñen dispoñibilidade para atender aos pacientes da comarca" e asegura o Sergas que "a xestión e planificación das substitucións realízase tendo en conta a demanda asistencial e cada situación de forma específica".

Dende a área sanitaria insisten en que están a traballar para establecer unha "fórmula de colaboración cos profesionais de Atención Primaria en activo" para reforzar a "alta cifra de incidencias imprevistas" que xorden por enfermidades comúns ou baixas do persoal.

Os responsables autonómicos din que o Sergas "é consciente de que o primeiro nivel asistencial asume en primeira instancia a cronicidade e o envellecemento poboacional cun cadro de especialistas de Medicina Familiar e de Pediatría na Atención Primaria que require dun incremento de efectivos".