O Sergas destaca a calidade asistencial no centro de saúde de Baltar e a oposición asegura que "está peor que nunca"

Sanxenxo
17 de agosto 2022

A xerencia da área sanitaria agradece o esforzo dos profesionais por asegurar a asistencia médica no centro de saúde, mentres que a portavoz municipal do PSOE, Ainhoa Fervenza, carga contra as políticas do Sergas e subliña o fracaso da "propaganda" do goberno local que chegou a ofrecer aloxamento gratuíto para atraer médicos a Sanxenxo

Concentración ante o Centro de Saúde de Baltar
Concentración ante o Centro de Saúde de Baltar / Plataforma en Defensa da Sanidade Pública en Sanxenxo

A falta de médicos obrigou ao Area Sanitaria de Pontevedra e O Salnés a pechar as axendas dos médicos de familia durante o que queda de mes de agosto para reorganizar as quendas e garantir a asistencia sanitaria a toda a poboación sanxenxina nos próximos días. 

Alegan desde o Sergas que  "diante da ausencia de profesionais nas listas de contratación, os médicos deste centro de saúde planificaron, xunto co equipo directivo, unha asistencia non programada para todos os pacientes que o requiran". Desta forma, puntualizan, estarán despregados este mércores no centro de saúde de Baltar tres médicos e un pediatra. Mentres que da renovación de receitas encargarase o departamento de Farmacia.

É por esta reestruturación, pola que desde a área sanitaria quere "resaltar a encomiable implicación dos profesionais sanitarios e non sanitarios do centro de saúde de Baltar" e agradecen o seu esforzo á hora de realizar substitucións e prolongacións de xornada sen descoidar as súas gardas no Punto de Atención Continuada. 

Un discurso, o do Sergas, que choca frontalmente co principal partido da oposición no Concello de Sanxenxo. "A recente decisión de eliminar as consultas do Centro de Saúde de Baltar e limitar a súa actividade á atención das urxencias é un feito dunha gravidade extraordinaria", lamentan centrando as críticas no discurso do novo xerente cargado de "eufemismos".

Lembra a portavoz socialista, Ainhoa Fervenza, que a principios de verán Sanxenxo acaparou titulares pola "cortina de fume" de ofrecer aloxamento gratuíto para atraer médicos."O resultado de tanta propaganda foi que só chegaron dous profesionais e que ningún deles quedará", sostén.