O Sergas supervisa o remate das obras do novo centro de atención primaria de Carballedo

Cerdedo Cotobade
03 de outubro 2014

O xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, Jose Manuel González Álvarez, xunto co alcalde de Cotobade, Jorge Cubela López e técnicos da Dirección Xeral de Recursos Económicos do SERGAS, visitaron os novos espazos, que contan con 201,50 metros cadrados distribuidos en cinco salas asistenciais

Visita ao local do novo centro de saúde de Carballedo
Visita ao local do novo centro de saúde de Carballedo / Sergas

O Servizo Galego de Saúde trasladará próximamente as dependencias do centro de saúde de Carballedo á planta baixa do novo inmoble para, deste xeito, poder reverter ao Concello o local emprazado no lugar da Igrexa.

O xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, Jose Manuel González Álvarez, xunto co alcalde de Cotobade, Jorge Cubela López e técnicos da Dirección Xeral de Recursos Económicos do SERGAS, supervisaron este venres o remate das obras de acondicionamento do local sito na planta baixa do centro multiusos de Carballedo.

Cunha superficie de 201,50 metros cadrados, conta con cinco salas asistenciais e próximamente prestará actividade sanitaria de Atención Primaria neste concello, cun cadro de profesionais dotado de dous facultativos, unha enfermeira, un pediatra e unha matrona.

Tanto Jose Manuel González coma Jorge Cubela subliñaron que, co obxecto de mellorar a accesibilidade dos usuarios, o SERGAS e o Concello de Cotobade avanzan nas xestións para que este municipio forme parte da relación de beneficiarios das axudas necesarias para atender os gastos de mantemento do centro sanitario de referencia -electricidade, calefacción, limpeza e persoal- de acordo co convenio de colaboración entre a Vicepresidencia, a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e a FEGAMP, para a realización de programas de atención e protección da saúde.