O servizo de teleasistencia domiciliaria será mellorado con importantes novidades

Pontevedra
29 de outubro 2021

Como principais novidades, a partir de agora tamén poderán beneficiarse da teleasistencia aquelas persoas que se trasladen á vivenda doutra persoa por deterioración física (antes só era para aquelas que vivían soas). Ademais amplíanse os tramos de renda  

Persoa usuaria do Servizo de Teleasistencia
Persoa usuaria do Servizo de Teleasistencia / Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres unha addenda ao convenio subscrito con 46 concellos para prestar o servizo de teleasistencia domiciliaria, dirixido ás persoas maiores ou discapacitadas que vivan soas ou ás persoas que estean acompañadas e teñan as súas facultades moi mermadas para valerse na vida cotiá. 

Este servizo, vixente desde o ano 1998, leva a cabo por medio dun convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. "É un servizo moi necesario, sobre todo nas zonas do rural", sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva.

Como principais novidades desta addenda, a partir de agora tamén poderán beneficiarse da teleasistencia aquelas persoas que se trasladen á vivenda doutra persoa por deterioración física (antes só era para aquelas que vivían soas). Ademais amplíanse os tramos de renda. 

En rolda de prensa, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que xa está en licitación un novo contrato de teleasistencia "que supoñerá novos avances" como a adaptación ás novas tecnoloxías máis avanzadas, con novidades como a inclusión de detectores de fume e gas, ou a prestación a través de teléfono móbil (e non unicamente con fixo como ata o de agora). 

Carmela Silva tamén criticou a xestión da Xunta en materia de servizos sociais por non dedicar os recursos suficientes para o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). 

A achega autonómica ao SAF pasará dos 9,7 euros/hora actuais aos 12 euros/hora en 2024 "cando os custos aumentaron unha media de 18 euros e nalgúns casos mesmo a 22 euros" un incremento que están a asumir os concellos, indicou Silva, cando a Xunta "non pon nin un euro" xa que se trata de recursos que achega o Estado. 

"Paréceme intolerable este comportamento da Xunta" dixo a mandataria provincial.