O servizo de transporte da área metropolitana de Vigo poderá chegar a Ponte Caldelas este ano

Ponte Caldelas
04 de maio 2016

O alcalde, Andrés Díaz, participou este mércores na xuntanza dos municipios interesados en integrar o Área Metropolitana. A reunión, presidida polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, tiña o obxectivo inmediato da posta en marcha do servizo de Transporte Metropolitano na área Sur e centro da provincia

Andrés Díaz ante o quitamedos instalado na Insua Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas podería comezar a beneficiarse do servizo de transporte da área metropolitana de Vigo unha vez que entre en funcionamento, a finais deste ano 2016. Así o anunciou este mércores o alcalde, Andrés Díaz, tras participar na xuntanza dos municipios interesados en integrar o Área Metropolitana

A reunión, presidida polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, tiña o obxectivo inmediato da posta en marcha do servizo de transporte metropolitano na área sur e centro da provincia. Serviu para anunciar un calendario que, de non producirse atrasos, podería significar a entrada en funcionamento do dispositivo cara finais de ano.

Andrés Díaz foi convidado en calidade de alcalde dun dos municipios que están a valorar a súa entrada na área metropolitana. Segundo o calendario adiantado este mércores, agárdase que o próximo mes de outubro se celebre a asemblea constituínte e nesa mesma sesión trataranse as solicitudes de nova adhesión, entre elas a de Ponte Caldelas.

O alcalde de Ponte Caldelas explicou que tras a inauguración da conserveira Orbe no polígono da Reigosa resulta indubidable a relación sociolaboral do municipio con Vigo e resulta importante que os concellos poñan os medios para facer a vida máis cómoda aos traballadores de ambas as dúas localidades. Neste contexto, o transporte público, funcional e asequible é básico para o Concello de Ponte Caldelas porque un dos eixos da política municipal deste mandato é seguir crecendo en poboación nun contexto de forte recesión demográfica na comarca.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora