O servizo de Urxencias do Hospital adáptase para os menores con trastorno do espectro autista

Pontevedra
16 de outubro 2014

Trátase dun proxecto desenvolvido en colaboración coa asociación Por Dereito e é o primeiro destas características que se pon en marcha nun centro sanitario de Galicia co obxectivo de mellorar a adaptación destes pacientes

A presidenta da Asociación Por Dereito explica como van axudar os pictogramas en Urxencias do Hospital aos pacientes con autismo /
O xerente, José Manuel González, durante a presentación da adaptación de urxencias a pacientes con autismo
O xerente, José Manuel González, durante a presentación da adaptación de urxencias a pacientes con autismo

O xerente dos hospitais de Pontevedra e O Salnés, José Manuel González, e a presidenta da asociación Por Dereito (para a Integración das Persoas con Autismo), María Cruz Da Silva, presentaron no Hospital Provincial os traballos realizados a través de pictogramas para mellorar a accesibilidade á información para os pacientes con trastorno do espectro autista (TEA).

Segundo os datos ofrecidos por Da Silva, cincuenta familias en Pontevedra contan cunha persoa afectada por esta patoloxía e, no caso dos nenos, sinalou que esta sinalización de espazos mediante un sistema de comunicación alternativo permite que se adapten ao ámbito sanitario.

No Hospital Provincial instaláronse 145 pictogramas nas áreas de Urxencias, rehabilitación, radioloxía, análise, hospitalización pediátrica, consultas de pediatría e zonas de uso xeral coa intención de trasladar esta iniciativa ao resto de centros da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Na actualidade os pacientes con este trastorno dispoñen dunha tarxeta especial para ser atendidos nos centros hospitalarios e con esta proposta, segundo o xerente José Manuel González, vense minorizados con estes pictogramas que tamén axudarán a persoas con dificultades visuais, estranxeiros e persoas con minusvalidez intelectual.

Segundo a presidenta da asociación Por Dereito, un de cada 150 nacidos padece este trastorno e afirmou que, entre as demandas que realizan a Consellería de Sanidade, se encontran as dun financiamento para terapias ás que teñen que acudir estes nenos e reclaman tamén un sector especializado tanto para o diagnóstico coma para o tratamento.