O sindicato de Enfermería Satse Galicia reclama máis profesionais e medios para atender os casos de gripe en Urxencias

Pontevedra
18 de xaneiro 2019

Alertan da presenza de pacientes en padiolas e cadeiras de rodas nos corredores dos hospitais con esperas de resultados superiores ás 48 horas. Denuncian que o persoal de enfermería atópase baixo mínimos e reclaman a contratación de máis profesionais para afrontar esta vaga de casos de afeccións gripais

Acceso ao servizo de Urxencias do Hospital Montecelo
Acceso ao servizo de Urxencias do Hospital Montecelo / Mónica Patxot

O sindicato de Enfermería, Satse, en Galicia emitíu un comunicado denunciando os problemas que están a afrontar os profesionais nos servizos de Urxencias durante os últimos días nos hospitais públicos debido ao incremento de persoas que acoden aos centros hospitalarios con afeccións gripais.

Sinalan que os pacientes rematan en padiolas e en cadeiras de rodas polos corredores das instalacións, con esperas de resultados superiores ás 48 horas sen cortinas ou biombos que permitan un mínimo de intimidade. Denuncian tamén que, en ocasións, ante a falta de previsión os acompañantes rematan por sentarse no chan.

A esta situación de falta de medios, o sindicato Satse suma que o persoal de enfermería atópase baixo mínimos e reclama a contratación de máis profesionais para poder dar unha mellor cobertura a estas urxencias.

Lembran, ademais, que Galicia aínda non se atopa no pico forte de presenza de virus gripais. Por este motivo, Satse Galicia pregúntase que pasará cando cheguen a niveis epidémicos de gripe, tal como ten previsto Saúde Pública que suceda a partir do 20 de xaneiro. Acusan a Consellería de Sanidad de falta de previsión para facer fronte a estas situacións.

Este sindicato continúa coa súa campaña de recollida de sinaturas que apoien a Iniciativa Lexislativa Popular para presentar no Congreso dos Deputados reclamando o aumento do persoal de enfermeiras nos centros sanitarios de Galicia.