O sindicato Unión Federal de Policía de Pontevedra doa un cargamento de termómetros infravermellos ás comisarías de Pontevedra, Marín, Vilagarcía e Vigo co obxectivo de contribuír a incrementar as medidas de seguridade nas dependencias municipais e reducir os riscos de propagación do coronavirus.
A agrupación aproveita esta entrega de material para denunciar a falta de medios nestas comisarías. "Durante a primeira onda da covid-19 vímonos obrigados a actuar ante unha administración que non sabía reaccionar, pedimos medios que aínda seguimos esperando como termómetros de infravermellos ou a realización de test a todos os integrantes da Policía Nacional na nosa provincia", critican.
"Unha vez máis nos toca facer o que a Administración non fai en defensa dos policías e dos cidadáns que veñen ás instalacións policiais", engaden para xustificar as razóns que levaron ao sindicato para realizar esta entrega ."Doamos termómetros infravermellos para poder axudar a non difundir unha enfermidade na que a Policía debería ser un exemplo polas súas medidas de protección e non converterse nun vector da mesma como por desgraza xa ocorreu en Vigo co brote da Unidades de Intervención Policial", lembran.
Denuncian ademais a falta de investimento por parte das entidades responsables de equipar aos policías e ás comisarías. "A Dirección parece non dispoñer de 30 euros que é o que vén custar un termómetro de infravermellos", denuncia o sindicato, ao mesmo tempo que mantén o seu compromiso de "seguir apoiando aos compañeiros e aos cidadáns cos nosos escasos medios, pero polo que se ve mellor xestionados que os da Administración e a Dirección Xeral da Policía", rematan.