O SonRías Baixas e o Campionato de Drons de Carreira revolucionan o tráfico en Bueu esta fin de semana

Bueu
03 de agosto 2017

O alcalde, Félix Juncal, e o xefe da Policía Local mantiveron un encontro cos responsables da organización dos dous grandes eventos para coordinar o operativo, pois as dúas citas suporán restricións no tráfico rodado e no aparcadoiro e van supoñer un gran volume de persoas asistentes

Reunión do alcalde de Bueu co xefe da Policía Local
Reunión do alcalde de Bueu co xefe da Policía Local / Concello de Bueu

A coincidencia na mesma fin de semana de dous eventos que se prevén multitudinarios, o festival SonRías Baixas e o Campionato de Drons de Carreira, motivou o deseño dun plan especial de tráfico en Bueu para esta próxima fin de semana. 

O alcalde, Félix Juncal, e o xefe da Policía Local mantiveron un encontro cos responsables da organización dos dous grandes eventos para coordinar o operativo, pois as dúas citas suporán restricións no tráfico rodado e no aparcadoiro e van supoñer un gran volume de persoas asistentes. 

Este xoves xa empezarán as restricións, pois desde primeira hora da mañá péchase o tráfico na rúa O Ferrolán e Xosé María Estévez. Este venres pola mañá, nunha hora aínda por concretar, a rúa do Santán quedará con sentido único ascendente e, pola tarde, córtase a rúa entre Johán Carballeira nos tramos entre Pazos Fontenla e Ramón Bares.

Este venres pola tarde pecharase o tráfico na zona de acceso á Banda do Río e non se abrirá ata o domingo. Dende o departamento da Policía Local lembran que os aparcadoiros que estarán dispoñibles son os da lonxa e peirao, o de Alonso e o párking de Massó.  

O SonRías Baixas celebrarase xa a partir deste xoves, cun concerto de Pedrá e unha festa de benvida a partir das 22.00 horas. O venres e o sábado diferentes grupos de rock pasarán polo Campo da Estacada para facer soar a súa música. 

Estes venres e sábado, na contorna das Lagoas, celebrarase a I Exhibición-competición de drons de carreiras, que inclúe voos acrobáticos e freestyle, obradoiros e charlas relacionadas co mundo dos drons.