A Misión Biolóxica de Galicia, con sede na parroquia pontevedresa de Salcedo, participa no grupo operativo supra-autonómico denominado "Aplicacións e uso de Robótica no manexo do Viñedo" (ROBODRONVI) co obxectivo de impulsar a aplicación da robótica como ferramenta que facilite a toma de decisións operativas nas explotacións vitícolas por parte de viticultores e técnicos.
Ademais, con iso preténdese mellorar a competitividade, rendibilidade e sustentabilidade do sector vitivinícola.
O traballo do grupo, que se desenvolverá ata novembro de 2017, iniciouse cun diagnóstico elaborado por todos os participantes sobre o estado actual das devanditas tecnoloxías. Unha vez posto en común, tomaranse decisións estratéxicas e conxuntas para elaborar un proxecto de innovación cuxa execución, a partir de 2018, permitirá aplicar no campo a robótica terrestre, apoiada en voos de robot aéreos (drons) (frotas de robots terra-aire).
Como resultado deste proxecto, poderanse minimizar os inconvenientes que presenta actualmente o uso destes prototipos de robots para uso terrestre e aéreo en viñedo, entre os que se poden citar a súa escasa flexibilidade, eficiencia e robustez e o seu alto custo operativo.
Outros aspectos que busca resolver o proxecto é a adaptación real destes sistemas robotizados ao viñedo nacional con distintos sistemas de cultivo, así como minimizar o seu impacto ambiental, mellorar a calidade e sanidade da vendima e incrementar a rendibilidade da produción nos viñedos nos que se implementen.