Andrés Arnedo Rodríguez ten 19 anos. Reside e estuda en Pontevedra, concretamente un Ciclo Superior de Márketing no Luís Seoane de Monte Porreiro. Gústalle a fotografía e o vídeo e desde hai tempo fixouse nas posibilidades que ofrecen os drons. Por iso aforrou e o pasado xaneiro comprouse un deles. Todo un investimento como nos conta.
O pasado venres, sen ser efectiva a orde de confinamento da cidadanía, pero xa coa alerta gobernamental encima, Andrés decidiu sacar o dron coa súa cámara para "ver se había xente por Pontevedra". Así, sacou o seu dron desde o seu domicilio na zona da ponte da Barca e o aparello comezou a recoller durante o seu voo a estampa sen tránsito peonil que rexistraba a cidade.
Tras sobrevoar boa parte do centro urbano, sobre o río Lérez e as súas inmediacións, o voo do dron pasou por edición e montaxe. Finalmente Andrés subiuno ao seu perfil de Twitter engadindo que "non deberiamos valorar todas as cousas fermosas que temos? Pontevedra é unha desas cousas.
Non é o primeiro dos voos do seu dron que poden verse a través das súas redes sociais; e aínda que non resta mérito ao traballo exposto, o certo é que xa realizou por encargo algúns traballos, e outros faino por iniciativa propia.
Nesta ocasión, e neste contexto de peche inexorable, resulta gratificante saber que cando se levante o estado de alarma, poderase volver gozar desa Pontevedra que Andrés Arnedo nos regala estes días.