"Brava galega" e "Mansa galega". De que estamos a falar?

Pontevedra
25 de decembro 2017

A Misión Biolóxica de Galicia pertencente ao Centro Superior de Investigacións Científicas logra o recoñecemento oficial das primeiras variedades galegas de oliveira

Pazo de Gandarón, Misión Biológica de Galicia
Pazo de Gandarón, Misión Biológica de Galicia

A "Brava galega" e a "Mansa galega" son dúas variedades de oliveira autóctonas de Galicia. Así o acredita unha resolución da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios.

O mérito téñeno os investigadores do grupo de viticultura da Misión Biolóxica de Galicia con sede na parroquia pontevedresa de Salcedo.

Este acreditado equipo investigación pertencente ao Centro Superior de Investigacións Científicas conseguiu que por primeira vez dúas variedades galegas de oliveira obteñan o recoñecemento oficial e legal.

"A súa recuperación ten un innegable interese no momento actual, no que o consumidor busca novos produtos de alta calidade, ligados ao terruño, así como prácticas de cultivo e elaboración saudables e respectuosas co medio ambiente", sinalan desde o CSIC.

Os olivareiros, unha vez se alcance a produción necesaria de planta, poderán comezar a plantar "Brava Galega" e "Mansa Galega" e a utilizar a denominación destas variedades nas etiquetas dos seus aceites embotellados.

Con ao redor de 1.200 variedades descritas, das que só un pequeno número empréganse para producir aceites comerciais, España presenta a maior diversidade do mundo e é tamén primeira en superficie (Andalucía concentra o 62% do total).

O grupo de viticultura da Misión Biolóxica está a traballar nun proxecto de investigación financiado pola Fundación Juana de Vega, cuxo obxectivo é continuar coa recuperación do oliveiral autóctono galego e a súa posta en valor.

A directora da Misión Biolóxica de Galicia, Carmen Martínez, informou que "aínda que o noroeste de España non estaba considerado como área de cultivo tradicional desta especie, o cultivo da oliveira estivo presente desde tempos inmemoriais, sendo citada a súa existencia por Herrera en 1513 ou por Hidalgo-Tablada, en 1870".