O Supremo confirma a condena á ' narcoabogada' Tania Varela por branqueo de capitais procedentes do narcotráfico

Pontevedra
21 de abril 2021

O Alto Tribunal confirma unha condena da Audiencia Provincial de Pontevedra do ano 2019, que lle impón 1 ano e 8 meses de prisión e o pago dunha multa de 56.000 euros, así como o comiso do diñeiro utilizado para a comisión do delito e a súa adxudicación ao Estado a través do Fondo do Plan Nacional contra a droga

Tania Varela, á súa chegada á Audiencia de Pontevedra
Tania Varela, á súa chegada á Audiencia de Pontevedra / Mónica Patxot

O Tribunal Supremo acaba de confirmar a condena que a Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo no ano 2019 á ' narcoabogada' cambadesa Tania Varela e mantén que debe cumprir 1 ano e 8 meses de prisión e o pago dunha multa de 56.000 euros por un delito de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico. 

Esta condena foi o resultado do primeiro paso por un tribunal galego de Varela, que chegou a ser a única española na lista dos  fugitivos máis buscados pola  Europol. Con todo, xa tiña outras condenas previas polas que se atopa en prisión. A Audiencia Nacional primeiro e o Tribunal Supremo despois impuxéronlle unha pena de sete anos de prisión e multa de 318.080.058 euros por un alixo de dúas toneladas de cocaína no que foi condenada xunto a David Pérez Lago, fillastro de Laureano Oubiña.

Tras a sentenza da Audiencia de Pontevedra, a avogada cambadesa recorreu e agora a Sala II do Tribunal Supremo desestima o recurso e confirma integramente a sentenza pontevedresa, que inclúe o  comiso do diñeiro utilizado para a comisión do delito e a súa adxudicación ao Estado a través do Fondo do Plan Nacional contra a droga.

Nesta condena, Varela viuse beneficiada dunha redución da pena de prisión porque se lle aplicou ao caso a circunstancia atenuante moi cualificada de dilacións indebidas. 

Varela recorreu alegando que non realizara ningún investimento con diñeiro procedente do narcotráfico, en contra do relato de feitos probados da sentenza, pero o Supremo rexeita o seu argumento porque "a narración histórica reflicte os requisitos que xustifican a condena por delito de branqueo de capitais". Así, confirma que houbo unha actividade delituosa previa idónea para xerar ganancias ou bens; as operacións realizadas con eses bens coa finalidade de ocultar a súa orixe e afloralos no mercado lícito; e que o delito previo consistiu no tráfico de drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas.

A sentenza agora confirmada destaca que Tania Varela foi condenada en 2011 pola Audiencia Nacional como autora dun delito contra a saúde pública de substancias que causan grave dano á saúde en cantidade de notoria importancia e que se enriqueceu co produto da venda de substancias estupefacientes e levou a cabo durante os anos 2005 e 2006 operacións coa finalidade de dar entrada no tráfico mercantil lícito ao diñeiro ilícito procedente do narcotráfico.

Ademais, Varela reclamaba a nulidade da intervención do seu teléfono porque era a liña telefónica que utilizaba para o exercicio profesional como avogada, o que vulneraría o principio de inviolabilidade das comunicacións entre avogados e clientes. A sentenza explica que a incoación de dilixencias previas por un presunto delito de branqueo de capitais "é o resultado dun conxunto de actuacións  investigativas ademais da intervención telefónica", concretamente do resultado da intervención doutros teléfonos, dos seguimentos policiais, dos testemuños recolleitos polos axentes e dos rexistros domiciliarios que se efectuaron.

Así mesmo, indica que o recurso non reflicte que froito da intervención telefónica se recollese ningunha conversación relacionada coa actividade letrada da acusada e cuxa intervención puidese quebrantar a confidencialidade na relación avogado-cliente, e menos aínda que tales conversacións fosen utilizadas como proba de cargo para a condena que se impugna. 

"É máis, da intervención do teléfono da recorrente non se extraeu ningún elemento  probatorio que funde a súa condena como autora dun delito de branqueo de capitais", engaden os maxistrados do Supremo. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora