O recurso presentado polo narcotraficante Laureano Oubiña á sentenza de catro anos e sete meses de prisión establecida pola Audiencia Nacional non foi tido en conta polo Tribunal Supremo que confirmou o fallo xudicial e considera que é culpable de branqueo de diñeiro obtido a través de actividades ilícitas relacionadas co narcotráfico.
O Tribunal Supremo sinala que a forma de "branquexar" o diñeiro se realizou coa compra de varios terreos rexistrais na localidade da Laxe sobre as que se construíu a vivenda que ía ser familiar, así como a adquisición dun soar en Sanxenxo. O total branquexado foi de 1.846.833 euros, segundo consta na sentenza. A teor destes feitos, o Tibunal mantén tamén a multa establecida en setembro de 2012 pola Audiencia Nacional que se sitúa en 2.226.100,83 euros.
O Supremo tamén desestima o recurso das amigas da familia Oubiña, Emilia Cano Carmona, que fora condenada a tres anos e tres meses de prisión, e a pagar unha multa de 53.970,89 euros; ao terse encargado de realizar distintas operacións de compra para o coñecido narco.
Laureano Oubiña encóntrase na prisión de Alcalá Meco dende o 6 de febreiro de 2014 para cumprir a condena que establecera a Audiencia Nacional, despois de gozar de sete meses de liberdade. O narcotraficante estivera no cárcere dende 1990 por diferentes delitos relacionados co tráfico de drogas.