O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sinalou para este mércores 16 de xullo a vista para abordar os recursos de apelación interpostos pola defensa contra a sentenza que condenou a Hai Jie Zhang a catorce anos de prisión polo homicidio dunha compatriota acontecido a finais de abril do 2009 nun edificio da rúa Amado Carballo de Pontevedra.
Aínda que se tratou dun dobre crime o xurado popular declarou a Hai Jie Zhang culpable do homicidio dunha das dúas prostitutas chinesas que apareceron mortas. En concreto o veredicto sinalou que Hai Jie Zhang "interveu na execución da súa morte por asfixia mecánica por sufocación", de Guang Qu. Pola contra os membros do xurado entenderon que "non quedou acreditado que o acusado tivese participación na morte de Kun Zhun".
O avogado pontevedrés Rafael Alonso Fernández, que defende o único procesado neste dobre crime, argumenta un suposto erro de apreciación dos feitos xa que sostén que existe incompatibilidade horaria, ademais pon en dúbida que tivesen participado necesariamente dúas persoas en ambos os dous homicidios.
Durante o xuízo celebrado na Audiencia de Pontevedra, tanto o fiscal, Juan Carlos Aladro como a acusación particular sostiveron que o acusado "acompañado doutra persoa non axuizada nesta causa", era responsable das dúas mortes, solicitando senllas penas de 14 anos de prisión por cada un dos homicidios, mentres que a defensa insistiu na inocencia do seu cliente.