O TSXG dá a razón á asociación Monte Pituco e ordena á Xunta retirar o polígono Marín-Pornedo

Marín
25 de maio 2017

A resolucíon da Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG estima o recurso interposto pola asociación contra a aprobación do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, que delimitaba unha área para a construcción do parque empresarial Marín-Pornedo

Monte Pituco
Monte Pituco / Asociación Monte Pituco

A Asociación Defende o Monte Pituco (Pornedo) deu a coñecer este xoves unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que lles dá a razón e ordena que a Xunta retire do Plan Sectorial de Ordenación das Áreas Empresariais de Galicia o polígono proxectado no Monte Pituco. 

A resolución da Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG estima o recurso interposto pola asociación contra a aprobación do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, que delimitaba unha área para a construcción do parque empresarial Marín-Pornedo.

Segundo a sentenza facilitada pola asociación, o fallo determina que a Xunta debe excluílo ao considerar que a viabilidade ambiental da infraestrutura proxectada non está xustificada, tendo en conta a "decisiva influencia" das características orográficas da zona e a súa afección dende o punto de vista físico, natural e paisaxístico.

O TSXG sostén que "non é aceptable" que a "valoración real" das afeccións ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo e a previsión das conseguintes medidas correctoras se pospoña a unha hipotética fase posterior, pois considera que é "imprescindible" que unha memoria ambiental xustifique convintemente a elección dun determinado ámbito xeográfico para desenvolver nel un parque empresarial. É algo que non acontece no caso deste parque. 

O fallo xudicial dá conta da "insuficiencia" do informe de sostibilidade ambiental do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais en tanto que "non contén unha valoración real das potenciais afeccións directas e indirectas sobre o Espazo Natural dos Montes do Morrazo".

Tampouco acepta que o Plan Sectorial remita a un futuro Plan Parcial de desenvolvemento do polígono proxectado no Pituco. Ao respecto, resalta que as Directrices de Ordenación do Territorio determinan que na elección de localizacións para crear solo industrial "primará a prevención dos seus posibles efectos sobre o medio, fronte á corrección, mitigación ou compensación" dos posibles danos

A asociación celebra esta primeira vitoria xudicial, que chega case tres anos despois de interpoñer o recurso, e agradece o labor do gabinete xurídico e o apoio das organizacións e dos expertos que colaboraron no proceso. Asemade, sinala que esta resolución non só é contraria ás pretensións da Xunta, senón que tamén supón un revés para o goberno local de Marín e para un puñado de empresas e asociacións afíns.

O colectivo tamén rebate a postura dos grupos municipais do PSOE e do BNG que, no periodo no que gobernaron en coalición, contribuíron á clasificación do Monte Pituco como solo industrial no planeamento urbanístico, unha decisión contra a cal a Asociación Monte Pituco interpuxo outro recurso contencioso-administrativo en xaneiro de 2013, que está pendente de sentenza.